En portadaGalerías de fotosSanidade

Valdeorras toma a rúa en defensa da sanidade pública

Numerosas persoas participaban na manifestación celebrada na tarde do 17 de outubro no Barco

Fronte ao Hospital Comarcal Valdeorras comezaba e remataba a manifestación que na tarde do 17 de outubro convocada no Barco a Plataforma Sanitaria de Valdeorras. Multitude de persoas se sumaban a esta marcha reivindicativa en “defensa dunha sanidade pública e de calidade” e “contra o desmantelamento do Hospital Comarcal Valdeorras”. Ademais de pegatinas que pedían a paralización dos recortes, os participantes portaban lazos violetas.

Pasadas as seis iniciaban un longo percorrido que partía ás seis da tarde diante do centro hospitalario e que despois se dirixía pola rúa Abdón Blanco ata o Malecón, xirando despois e pasando pola praza Andrés de Prada, para regresar de novo á avenida Conde Fenosa ata chegar ao hospital

Neste traxecto eran continúas consignas como “non á privatización” ou “xestión integrada, área roubada”, entre outras. Tras completar o percorrido, tiña lugar a lectura dun manifesto a cargo dun dos representantes da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, quen comezaba dicindo que “estamos aquí por unha necesidade”. Lembraba ademais que “chegamos a ter un sistema sanitario garantista, que ofrecía unha asistencia sanitaria pública, universal, un sistema pensado para o beneficio social, para o ben do pobo, pero chegaron os tempos escuros e, apoiándose nunha terrible crise económica e social e con mentiras e falsidades, gobernantes con teorías económicas antisociais están a destrozar o noso sistema público de saúde”.

Ademais no manifesto facíase referencia directa á situación do Hospital Comarcal Valdeorras. “Estamos vendo un continuo e solapado desmantelamento do sistema sanitario público da área cun cambio progresivo do modelo actual para practicamente facer do hospital comarcal outro grande ambulatorio coas mínimas especialidades clínicas e as mínimas camas de hospitalización posible”, resaltaba o portavoz da plataforma. E incidía en que “a realidade é que estamos entrando nunha ambulatorización do noso centro hospilario e sufrindo un ataque nunca visto na Atención Primaria”.

A lectura do manifesto complementábase coa difusión dos datos dunha enquisa realizada dende a Plataforma Sanitaria de Valdeorras nos centros de saúde desta zona que amosa resultados como que ante a pregunta “pensa vostede que nestes anos o servizo que prestan o Hospital Comarcal Valdeorras e os centros de saúde deteriorouse en canto asistencia” o 49,4% dos enquisados di que si, o 40% que bastante e o 3,5% que non.

Artigos relacionados

Back to top button