PolíticaÚltima hora

Valentín G. Formoso: “Hai unha empatía absoluta da provincia co proxecto que lideramos”

Este candidato á secretaría xeral do PSdeG-PSOE reuníase este venres coa militancia de Valdeorras no Barco

 

Valentín González Formoso, candidato á secretaría xeral do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, viaxaba na tarde do 22 de outubro ata O Barco, onde mantiña un encontro coa militancia socialista na comarca no que lle expoñía o seu proxecto para o partido, apostando por un  PSdeG “con espírito gañador”.

Ademais, González Formoso facía un balance “moi positivo” do que vai de campaña. “Aínda que Ourense é a provincia dos meus avós e do meu pai, é a provincia coa que menos relación tiña persoal e dende o punto de vista político, e teño que dicir que a aceptación é moi alta. Hai unha empatía absoluta co proxecto que estamos liderando e a pena é que non puideramos percorrer cada vila porque creo que que a conexión sería moito maior. É certo que a dirección galega decide acurtar os prazos ao máximo e iso perxudica a quen leva menos tempo percorrendo a provincia, pero en calquera caso hai un ambiente moi positivo, moi ilusionante e creo que trascende por ambas partes unha empatía en canto a que compartimos que o PSdeG ten que ser a forza política que volva a ser o vehículo das ilusións da sociedade galega”.

Ademais, destacaba a oportunidade que supón para a Galicia interior o contexto actual de liñas de axuda europeas e no marco do desenvolvemento das enerxías renovables. “Eu son dun pobo de interior e sei o que é a perda demográfica, a perda de rendas, a migración para poder iniciar o teu proxecto vital e asumir ese drama de que canto máis te formes, máis lonxe te tes que ir. Coñezo esa realidade e creo que hai unha oportunidade enorme agora con esa liña estratéxica da UE respecto ao new green deal (pacto verde europeo), onde a Galicia interior ten un papel que xogar importantísimo, cunhas potencialidades no sector pecuario, agropecuario e forestal, que quedou evidenciado como sector estratéxico coa pandemia, e sobre todo outros sectores estratéxicos como poden ser aquí a lousa ou o sector enerxético no ámbito das renovables, que temos que afrontalo cunha visión absolutamente revolucionaria e distinta. Coincide co eixo estratéxico da UE de renovables 100% e irrupción do hidróxeno que para elo necesita vento e auga, e onde Galicia ten que ter un papel protagonista. Vai a dar unha oportunidade de traballo ás novas xeracións que se formen en Galicia no interior e vai evitar que haxa emigración, penso que será unha oportunidade clarísima e temos que liderala e orientar á cidadanía galega e prestarnos como instrumento útil para ver as cousas así”.

Así mesmo, Valentín quixo facer tamén un chamamento á “participación masiva” nas primarias do próximo día 30 de outubro para “recuperar, entre todos, a ilusión e a esperanza no partido e poñer o mellor de nós, do talento que agroma no PSdeG, ao servizo de Galicia”. Neste senso, unha das propostas que o candidato á Secretaria Xeral do PSdeG inclúe nas súas dez medidas para sumar e avanzar é o compromiso de que elaborará unha Carta de Servizos á Cidadanía a implementar na Xunta de Galicia cando o PSdeG goberne, e que previamente se presentará no Parlamento de Galicia. Ademáis, porá en marcha unha Mesa de Análise para elaborar unha proposta sobre o ‘Novo modelo de financiación autonómica’, que deberá ter como eixo vertebrador da mesma a defensa dos intereses de Galicia no marco do diálogo co goberno de España.

Fotos da galería: A.R., agás a última que é cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button