PolíticaÚltima horaVídeos

Valentín G. Formoso: “O Hospital de Valdeorras é máis necesario que nunca nunha comarca esquecida pola Xunta”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE participaba esta tarde no Barco na concentración defensa dunha sanidade de calidade para o oriente ourensán

 

A concentración desta tarde xunto ao Hospital Público de Valdeorras ten sido “un clamor social contra o que parece unha intención clara da Xunta de Galicia de desmantelar este hospital”, dicía con rotundidade o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, ao termo deste acto reivindicativo no Barco.

O líder dos socialistas galegos sinalaba que a “Xunta empezou eliminando a área sanitaria propia que tiña antes Valdeorras e agora está eliminando a todos os especialistas que dan soporte e un servizo público de calidade a un hospital que é máis necesario que nunca nunha comarca que parece olvidada da man de Deus por parte da Xunta, tanto en infraestruturas como, sobre todo, no ámbito sanitario”.

 

 

Así mesmo, Formoso enmarcaba a situación do Distrito Sanitario de Valdeorras na situación que vive actualmente o conxunto da sanidade galega. “Parece que hai un colapso sanitario en Galicia, o din os datos e o di a realidade dun territorio autonómico no que, a diferenza de España, hai case 140 millóns de euros menos de investimento en Atención Primaria, mil profesionais menos que no 2008 e hai un desleixo claro dos colectivos sanitarios por parte da Xunta de Galicia”.

Neste senso, resaltaba a necesidade de “sentarse seriamente, poñer enriba da mesa recursos e orzamentos, tal e como di oficialmente a Valedora do Pobo no seu informe presentado hoxe. Un servizo público de calidade require de orzamento, de profesionais e parece que tamén aquí en Valdeorras fan máis falta que nunca e a Xunta dalle as costas a esta comarca unha vez máis”.

Esta é a segunda visita que Formoso fai a Valdeorras en apenas un mes, na súa anterior viaxe tamén asistía á concentración celebrada xunto ao hospital no mediodía do 9 de xuño.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button