PolíticaÚltima hora

Valentín G. Formoso: “Teñen que poñerse enriba da mesa os incentivos necesarios para garantir a cobertura de especialistas en Valdeorras”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE participaba este xoves na concentración en defensa dunha "sanidade digna" diante do hospital do Barco

 

Entre as persoas que asistían á concentración deste xoves en defensa dunha “sanidade digna para o Distrito de Valdeorras”, estaba o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, que nesta xornada está a realizar unha visita á comarca, acompañado por representantes municipais, así como polo secretario provincial do partido socialista, Rafael R. Villarino, e outros cargos desta formación. “Estou aquí para dar apoio e para reclamar á Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade e a Alfonso Rueda que tome cartas no asunto dunha vez por todas, que se faga cargo dunha situación que está a preocupar enormemente na comarca, a un hospital que ten que dar servizo a todo un distrito sanitario e que adolece de falta de persoal dende hai moito tempo, estamos a falar de que faltan 20 profesionais sanitarios”, sinalaba González Formoso.

 

 

Ademais o líder dos socialistas galegos cualificaba a situación de “francamente lamentable, de colapso sanitario, de saturación sanitaria” e resaltaba que o “que ten que facer un país serio como Galicia, cunha poboación que se merece dignidade política na xestión dun servizo público como a sanidade, é poñer enriba da mesa os incentivos necesarios, adoptar as medidas necesarias respecto ao persoal e poñer un entorno sanitario que non faga que se perdan case mil profesionais nos últimos 13 anos. O sistema sanitario ten que ver a Valdeorras como un lugar atractivo onde vir, e en calquera caso, nunha medida ou outra, establecer sistemas que fagan que a cobertura estea garantida e que non haxa vacantes tan escandalosas como estamos a ver aquí nesta área sanitaria”.

Artigos relacionados

Back to top button