PolíticaÚltima horaVídeos

Valentín González asume a secretaría xeral do PSdeG-PSOE coa vista nas municipais “como panca de impulso para chegar á Xunta”

Na clausura do congreso desta formación plantexaba, entre outras cuestións, que "imos combater o desmantelamento da sanidade e dos hospitais comarcais de Valdeorras, Verín e A Mariña”

 

Coa proclamación de resultados dos órganos nacionais e a presentación dos novos membros da Comisión Executiva Galega chegaba á súa recta final esta mañá o Congreso do PSdeG-PSOE que se celebraba os días 7 e 8 de decembro Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

O novo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, clausuraba arredor das 12h. este foro co compromiso de que este partido “volva estar á fronte do goberno de Galicia”. Neste acto estaba acompañado polo secretario xeral do PSOE e presidente do goberno, Pedro Sánchez.

Formoso aseguraba na súa intervención que asume este novo cargo O novo líder dos socialistas coa “altísima responsabilidade de volver situar ao PSdeG no lugar que merece, que é á fronte do goberno da Xunta de Galicia”. E aludía ao legado dos ex presidentes socialistas galegos para sinalar que “necesitaríamos mais tempo de Laxe é Touriño, de socialdemocracia”.

Así mesmo, González Formoso plantexaba unha liña política “propositiva, construtiva, capaz de ler as prioridades dos veciños e das veciñas do país, que sexa un instrumento útil á cidadanía, merecedor da confianza dos galegos e das galegas”. E apostaba por “xerar ilusión” a partir dos 111 alcaldes e alcaldesas e dos case 1.000 concelleiros socialistas que dende o goberno e a oposición son “capaces de facer política socialdemócratas”.

 

 

Tamén reivindicaba o carácter municipalista do partido, ao que conxurou para acadar un “gran resultado nas municipais de 2023” para que sirva como “palanca de impulso para chegar á Xunta”. Chamou a que “Galicia entenda que o PSdeG ten un proxecto galeguista, europeísta e progresista” e que “podemos ser os depositarios da confianza dos galegos e das galegas” na próximas convocatorias electorais “porque entendemos e sentimos Galicia”.

Como primeira mostra propuxo tres grandes acordos coas demais forzas políticas, dirixidos á innovación, á economía e o emprego e a defensa dos servizos públicos. En primeiro lugar pedía un pulo á I+D+i e á transformación dixital, así como aos procesos produtivos para “converter Galicia nun entorno innovador, onde as empresas tecnolóxicas e científicas saiban que están na súa casa”.

Tamén propoñía un acordo para o emprego de calidade e o desenvolvemento económico e industrial do país, sinalando á situación da Mariña lucense e da industria de Ferrolterra para que “ninguén quede atrás. Incluíu a transformación dos produtos agrogandeiros e o sector mar – industria como eixos fundamentais da reactivación económica de Galicia.

Finalmente, situou á defensa dos servizos públicos como terceiro eixo fundamental da súa proposta, logo de 12 anos de gobernos ininterrompidos do PP nos que acadaron “o dubidoso mérito de ter conseguido listas de espera na Atención Primaria, que pasou de ser a primeira liña de batalla pola saúde dos galegos e das galegas a converterse nunha mera liña de atención telefónica”.

 

 

“Imos combater o desmantelamento da sanidade no Hospital de Valdeorras”

O novo secretario xeral dos socialistas galegos anunciaba que “imos combater o desmantelamento da sanidade e dos hospitais comarcais de Valdeorras, Verín e A Mariña”, e comprometeuse na defensa aos profesionais sanitarios que logo de dar a cara e xogar a vida durante a pandemia enfróntanse a unha “política laboral máis propia do século XVIII, encadeando contratos precarios”.

Chamou á defensa da educación pública, logo de que o goberno galego “pechara 138 colexios dende que Feijóo é presidente da Xunta, con centos de pais e nais de nenos con discapacidade que ven como perden o seu dereito a unha atención especifica nas escolas galegas”. Propuxo así un gran acordo pola mocidade “para que o goberno galego deixe de asumir con normalidade a fuga masiva de cerebros por falla de oportunidades”.

González Formoso emprazou a facer destes grandes acordos o sinal de identidade dos socialistas galegos, dun partido que representa “a solidariedade e o benestar social, e que non entende a sociedade sen ser feminista, que non comparte unha sociedade que se diga demócrata mentres haxa unha soa muller vítima de violencia de xénero”.

 

A nova executiva

O líder dos socialistas galegas interviña diante do plenario do 14 Congreso dos socialistas galegos inmediatamente despois de ter escollido á nova Executiva co 81,47% do apoio, a representación galega no Comité Federal co 79,2% de respaldo, o Comité Nacional Galego co 82,42% e a Comisión Nacional de Ética co 79,52%.

A Comisión Executiva Nacional Galega está presidida por Carmela Silva, sendo a súa vicesecreteria xeral Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. Dela non forma parte ningún representante do oriente ourensán.

Entre os ourensáns que figuran nela están Margarita Martín na Secretaría da Área de Políticas Sociais; Francisco Fumega, alcalde do Carballiño, á fronte da Secretaría Municipal de menos de 20.000 habitantes; Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo, ocupa a Secretaría de Planificación Estratéxica Local; Noela Blanco como responsable da Secretaría de Medio Ambiente; ou Áurea Soto na Secretaría de Urbanismo e Vivend, ademais de Noelia Rodríguez, alcaldesa de Ribadavia, o alcalde de Entrimo Ramón Alonso, María Teresa Toboada e Catalina González, xa dentro das secretarías executivas.

 

 

Pedro Sánchez, na clausura do congreso

O secretario xeral do PSOE e presidente do goberno, Pedro Sánchez, clausurou o congreso dos socialistas galegos e saudou ao novo secretario xeral sinalando que “acerta” coa proposta de triple acordo dirixido a tódalas formacións políticas. Apuntou que “falar de reindustrialización e emprego, de innovación e do fortalecemento dos servizos públicos é entender as claves da sociedade e do progreso para os próximos 20 a 40 anos”.

Confesou sentir “envidia sana” da oposición que debulla o novo líder dos socialistas galegos, fronte a “unha dereita e ultradereita empeñadas en debullar unha España triste e sen ideas á súa imaxe e semellanza”. Criticou que falen de “quebra” cando “o futuro pasa por superar a pandemia e a recuperación económica” e que amosan a súa “verdadeira faciana cando hai que arrimar o ombreiro”.

Subliñou que o PSOE “nunca lle fallou a España” e o PSdeG “nunca fallará, como nunca ten fallado a Galicia”, logo de reivindicar o esforzo do goberno central con esta Comunidade Autónoma. Lembrou que Galicia recibirá 1.070 millóns de euros de investimento público nos próximos orzamentos -un 29% por riba do ano pasado-, e 8.000 millóns de entregas a conta para sanidade, educación ou dependencia.

 

 

Lamentou que o PP continuara votando en contra dos orzamentos do Estado elaborados por un goberno socialista que en 4 anos destinou a esta Comunidade Autónoma un 27% máis de recursos que no goberno de Rajoy. Esta nova etapa, dixo, “será a da chegada do AVE a Galicia logo de anos de retraso cos gobernos do PP grazas agora a un goberno do PSOE que está a amosar o seu compromiso co naval galego”.

 

 

Sinalou ademais que grazas á lei de Cadea Alimentaria “o sector alimentario nunca máis terá que facer vendas a perdas, con prezos inferiores aos custes de produción”. Apuntou ademais que é o goberno progresista o que ven de subir o SMI, revaloriza as pensións ao nivel do IPC, implantou o Ingreso Mínimo Vital, aprobou a Lei de eutanasia, destinou máis de 2.000 millóns a bolsas, aprobou a Lei de Vivenda Pública, os ERTEs ou as axudas a autónomos e créditos ICO.

Mentres o PP, sinalou, púxose en contra de todas estas medidas, co que preguntou “a quen defende a dereita deste país, porque non é aos cidadáns de a pé”, e engadiu que “nós sabemos a quen servimos e para quen gobernamos”.

Integrantes da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button