En portadaGalerías de fotosPizarraÚltima hora

As vantaxes da lousa galega fronte a outros materiais, analizadas nun estudo

As súas conclusións presentábanse o 19 de outubro en Ourense nunha xornada organizada polo Clúster da Pizarra de Galicia no salón de actos da CEO

A innovación é unha das liñas estratéxicas transversais polas que aposta o Clúster da Pizarra de Galicia co fin de consolidar e mellorar a posición deste material no sector construtivo e arquitectónico español e internacional. E nesa liña sitúase o “Estudo sobre o comportamento das lousas de compresión litostática fronte ás accións medioambientais de xeo/desxeo e de ciclos térmicos” que esta entidade sectorial presentaba no marco dunha xornada técnica na mañá do 19 de outubro en Ourense.

Este traballo, editado polo clúster e coordinado por Fernando López González-Mesones (profesor da Universidade Politécnica de Madrid), recolle os resultados dunha serie de ensaios de xeo/desxeo e de ciclo térmico realizados en lousas para cuberta de compresión litostática, moi diferente á galega, que é de compresión tectónica. O estudo conclúe que o material estudado “manifesta problemas de laxado ou de roturas anómalas nos ensaios de flexión, fronte aos ciclos térmicos e de xeo/desxeo” e amosa que as prestacións deste tipo de material son “claramente inferiores ás que proporciona” a lousa galega como material para cuberta.

“Galicia xera máis de metade da produción española de lousa e a nosa calidade traspasa fronteiras en canto á durabilidade e resistencia deste material”, sinalaba o presidente do clúster, o valdeorrés Víctor Cobo, na apertura desta presentación no salón de actos da Confederación Empresarial de Ourense (CEO). A partir de aí, continuaba, o sector pretende “diferenciarse e distinguirse doutros produtos mundiais, incrementando coñecemento e mellorando a nosa experiencia e no procesado dese material natural”.

Neste acto inaugural interviña tamén o vicepresidente da CEO, José Manuel Díaz, quen aseguraba que “o sector da lousa é clave para a economía galega e ourensá” e destacaba o seu coñecemento do medio e a súa capacidade para adaptarse durante a crise. E apuntaba a necesidade de que se dote á comarca de Valdeorras, na que se concentra o sector, dunhas mellores infraestruturas viarias. Tomaba asemade a palabra o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, quen expoñía unha serie de cifras que reflexan o peso económico da lousa galega tales como os 2.400 empregos directos que xera, dos cales “máis do 25% é emprego feminino”, e 10.000 postos de traballo indirectos.

O turno de intervencións completábano a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, quen amosaba o potencial do seu municipio “para calquera produción industrial”; e o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen subliñaba o valor dos contidos desta xornada técnica para que a lousa poda afrontar a competencia desleal doutros materiais. “O resultado que nos dá o informe que hoxe vainos proveer de armas suficientes para loitar e plantarlle cara á competencial desleal”.

A continuación, o profesor Fernando López expoñía os principais contidos do estudo e os resultados técnicos dos ensaios, que se realizaron no laboratorio do Centro Tecnolóxico da Pizarra en Sobradelo, así como as conclusións do estudo, que se repartía entre os asistentes. Posteriormente, o arquitecto coruñés Carlos Quintáns, comisario do pavillón de España na Bienal Internacional de Arquitectura de Venecia 2016, impartía a conferencia “Arquitecturas de lousa”. Nela explicaba as singularidades desta pedra natural e as súas posibilidades construtivas ao longo da historia tanto na arquitectura tradicional galega como en obras de referencia internacional de diferentes épocas e en diversos países.

A clausura desta xornada técnica, na que participaba ademais o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, corría a cargo do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen resaltaba “a gran solvencia técnica e brillantez” das exposicións, o valor do estudo e tamén amosaba o apoio da Administración galega a este sector produtivo.

A este encontro asistían empresarios do sector da lousa galega, expertos e prescritores, ademais de representantes de diferentes institucións como o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a alcaldesa da Rúa, o alcalde de Petín e o tenente de alcalde do Barco.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button