En portadaGalerías de fotosÚltima hora

“A variedade godello haina en moitos sitios, pero a godello de Valdeorras é unica”

Luis e Alejandro Paadín veñen de presentar a “Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia 2018” na D.O. Valdeorras

Ata 112 distincións (16 Gran Ouro, 64 Ouros e 32 Pratas) suman os viños da Denominación de Orixe Valdeorras na “Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia 2018” (editada por Servino Consulting), que dirixe o sumiller Luis Paadín. Supón un incremento dun 12% con respecto a anteriores edicións desta obra, que se presentaba na mañá do 19 de decembro na sede do consello regulador valdeorrés, coa asistencia de Luis e Alejandro Paadín, coautores, e do presidente desta D.O., José Luis García Pando.

O volume, con case 400 páxinas, conta nesta neste ano con máis información, maior número de viños catados (máis de mil) e notas de cata e incorpora uns mapas de solo e climatoloxía que “cremos que é cara onde hai que ir e en edicións futuras iremos matizando por parroquias, pobos…”, sinala Paadín.

Con respecto á D.O. Valdeorras resalta a súa singularidade no marco galego e a influencia do seu clima continental nas elaboracións. “A variedade godello haina en moitos sitios pero a godello de Valdeorras é unica polo clima desta comarca, e sobre todo porque os godellos de zonas altas, de solos graníticos, non teñen parangón. Non atopamos esa rotundidade, xunto con esa elegancia e contudencia. Quizais os godellos de Valdeorras non teñen a expresión que podamos atopar noutras comarcas, onde hai unha expresión moito máis aromática, aquí non, son viños nese sentido con menos expresión pero cunha carga de complexidade superior”.

Sobre os tintos Paadín alude a “esas cepas vellas, que hai aínda bastantes en Valdeorras están demostrando cada ano ter un potencial enorme, xunto con esa frescura que aporta a mencía é o que marca a diferenza para min. E despois que levamos uns 30 anos facéndoo cada ano mellor e isto estase a notar nos viños de forma clarísima”.

Pola súa banda, o presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando, louvaba o labor de Luis e Alejandro Paadín, destacando ademais o feito que é a “única guía de viños galegos” e que “non ten publicidade”. Tamén incidía na importancia de que nesta edición se incorpore un apartado sobre os “solos de Valdeorras e das demais denominacións, é importante porque aquí temos unha variabilidade que dá unhas expresións moi distintas nos viños dependendo de onde se recolla a uva e creo que hai que afondar un pouco niso”.

Esta guía, que vai xa pola súa sexta edición, caracterízase por financiarse a través dun proxecto de micromecenado con máis de 200 mecenas. Eran precisamente eles os protagonistas do primeiro acto público da guía (o 18 de decembro na Coruña), que agora está a presentarse nas denominacións de orixe galegas. Comezaba na Ribeira Sacra, seguía en Valdeorras e logo en Monterrei.

No caso da Ribeira Sacra, Luis Paadín aseguraba que “este ano catamos máis viños e si, cada vez hai máis grandes ouros e a colleita de 2015, que son moitos dos viños que nos deron a probar, pasaron por barrica e demostrouse a gran colleita do que probamos e, sobre todo, creo que mosrou do que son capaces as variedades minoritarias como a brancellao e a merenzao”.

 

Luis Paadín, na presentación da “Guía de Vinos 2018”, xunto ao presidente do CRDO Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez./ Foto cedida.

 

Tamén se refería á importancia dos solos, pluviometría e lumonisadade das distintas denominacións, datos que por primeira vez se recollen nesta guía do 2018. No caso da Ribeira Sacra “o marabilloso é ver a diferenza dos dolos nos distintos concellos con esa veta de ollo de sapo que cruza a Ribeira Sacra lonxitudinalmente e cremos que o camiño ten que ir un pouco cara apostar claramente polos viños de parcela e polo tanto cremos que isto é un primeiro paso de cara a recoñecer que o consumidor vaia valorando non soamente que a Ribeira Sacra é só unha, senón que son moitas e moi variados os viños”.

Pola súa banda, o presidente do CRDO Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, apuntaba que esta guía “vai buscando o seu espazo e a súa estabilidade tanto dentro de Galicia como fóra. É un formato que pon a Galicia no mapa, a Galicia dos viños ano a ano”.

 

Luis Paadín coa presidenta do CRDO Monterrei, Lara Da Silva, co alcalde de Verín e coa concelleira de Turismo na presentación da guía no Claustro dos Mercedarios./ Foto cedida.

 

Xa pola tarde do mesmo martes 19 de decembro, tiña lugar unha nova presentación, desta volta na D.O. Monterrei. O acto desenvovíase no claustro dos Mercedarios de Verín, que acolle unha mostra sobre os 2.000 anos de historia do viño nesta zona ourensá.  Na “Guía de Vinos” aparecen referenciadas as 25 adegas da Denominación de Orixe Monterrei e un total de 75 viños obtiveron medalla, o que supón un 27% máis que no 2016, dos cales 8 foron Gran Ouro (92-100 puntos), 48 medallas de Ouro (85 – 91) e 19 medallas de Prata (80 – 84).

 

Na mañá do 20 de decembro, realizábase unha nova presentación da guía, desta volta na D.O. Ribeiro, unha denominación que conta con 142 viños distinguidos nesta publicación: 16 acadaron medalla de Gran Ouro, 77 medalla de Ouro e 49 foron distinguidos con medalla de Prata. Neste acto, Luis Paadín estivo acompañado polo presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares.

 

Presentación da guía no CRDO Ribeiro./ Cedida.

 

Na edición do 2018 da guía participaron máis de 40 catadores (sumillleres, enólogos, xornalistas e técnicos). Este volume achega 850 viños galegos con notas  comentarios de cata, más de 1.500 marcas de viños referenciadas e 540 bodegas e destilerías (a totalidad das amparadas en Galicia), así como o medalleiro histórico de cada viño en los últimos 5 anos.

 

Texto e fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button