OurenseÚltima hora

Vaso funerario de “Reza Vella”, peza do mes no Museo Arqueolóxico de Ourense

Procede do xacemento arqueolóxico de Santa Catarina de Reza Vella e está datado entre os séculos III e IV d. Cristo
Vaso de cerámica común Romana século III-IV d.C., aparecida no xacemento arqueolóxico de Santa Catarina de Reza Vella. Ourense./ Foto: Fernando del Río.
Vaso de cerámica común Romana século III-IV d.C., aparecida no xacemento arqueolóxico de Santa Catarina de Reza Vella. Ourense./ Foto: Fernando del Río.

O xacemento de Santa Catarina de Reza Vella está considerado un dos berces da cidade de Ourense. Nel tense recollido diverso e interesante material arqueolóxico entre o que destaca a cerámica común romana, xunto con diferentes series anfóricas, como a produción máis representativa e abondosa.

Dentro dese conxunto está o chamado “Vaso da Reza Vella”, escollido polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense como “Peza do mes de xuño”. Posúe unhas dimensións de 7,36 x 10 x 0,3 cm e está relacionado con prácticas de incineración ou inhumación presentes na necrópole. “Trátase dun vaso de perfil troncocónico invertido con marcada carena, da que partirían dúas asas –consérvanse só o arrinque dunha e un terzo aproximadamente da outra–, e non conserva o bordo. O ombro é invasado, arqueado e moi amplo, e o pé é estreito e alto. A súa pasta é de cor ocre, de composición micácea, textura fina e relativamente dura”, segundo a descrición que deste elemento fai Ana María Veiga Romero na publicación realizada polo museo ourensán.

Esta mesma investigadora será a encargada de presentar esta peza no acto (de entrada libre) previsto para o mércores 8 de xuño ás 20.00 h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). Ana María Veiga tamén indica que este vaso foi “localizado in situ en posición primaria e extraído en bloque, xunto cun posible pavimento e restos de carbonización dun depósito de recheo asociado a prácticas de incineración. Apareceu xunto con abundantes carbóns e fragmentos de óso e relacionado co nivel sobre o que se escavaron as fosas, e coas estruturas de combustión, que conforman a necrópole”.

Este obxecto de cerámica enmárcase dentro do Baixo Imperio Romano, na tipoloxía V2A de Alcorta, e como unha produción de entre mediados do século II e fins do IV ou inicios do V d.C., segundo o equipo arqueolóxico redactor do catálogo de materiais do xacemento.

Artigos relacionados

Back to top button