PolíticaÚltima hora

Vázquez anula a xuntanza técnica da Intermodal e a oposición manifesta o seu malestar

O Concello convocara esta Xuntanza Técnica para explicar os detalles da nova estación Intermodal a só un día de que rematase o prazo de alegacións do proxecto
A xuntanza anulouse ao non estar presente un membro do equipo de Foster.

As polémicas non deixan de saltar sobre a chegada do AVE a Ourense. A última veu dada xa que o Concello de Ourense convocara unha xuntanza técnica hoxe, 12 de xuño, para explicar o proxecto da nova Estación Intermodal na que asistiría o equipo redactor de Norman Foster, así como a responsables da carteira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez; o director de Adif, Juan Bravo, a delegada territorial da Xunta en Ourens,e Marisol Díaz, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

A xuntanza convocárase cara ás 11:00 horas e, unha hora antes, foi anulada. Dende o Concello, o alcalde, Jesús Vázquez, remitiu un comunicado no que explicaba que o motivo da suspensión é pola “non asistencia do equipo redactor de Naorman Foster, clave para poder explicar de primeira man os detalles técnicos dun proxecto clave para a cidade”, dixo o rexedor. Asemade explicou que o equipo de Foster comunicou “esta mañá” a súa ausencia por “problemas persoais de gravidade”. Reiterou que o Concello volverá buscar unha nova data para esta xuntanza técnica e pediu desculpas “polas molestias causadas ás máis de 100 persoas que tiñan confirmada a súa presencia no acto”. Ao parecer, esa persoa do equipo de Foster, un dos poñentes principais, non puido asistir porque tiña ao seu sogro en Madrid ingresado de gravidade na UCI, segundo informou o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome.

As alarmas entre os partidos da oposición municipal saltaron e pouco tardaron en dar a súa opinión por esta anulación. O voceiro de Democracia Ourensana -principal partido da oposición- Gonzalo Pérez Jácome, asegurou que dende o seu grupo reiteraron que non se podía facer unha xuntanza “un día antes de que rematase o prazo de alegacións” do proxecto. Jácome cualificou a anulación de “chapuza e broma”. Para o voceiro de D.O. que “un familiar político estea na UCI” non é motivo para anular unha xuntanza. Así é todo Pérez Jácome dixo que este proxecto está feito por varias administracións “e por unha persoa que non poida acudir” non se anula unha xuntanza que convoca a 100 persoas.

Pola súa banda, O voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE, José Ángel Vázquez Barquero, cualificou esta xuntanza como “propaganda política do Partido Popular” e asegurou que esta anulación supón “un plantón e unha desconsideración cos cidadáns de Ourense”. Para Barquero, a indisposición dun membro do equipo de Foster non é suficiente para anular unha cita deste tipo, “xa que quen convocaba o acto era o Alcalde e quen ten que expoñer o proxecto eran os representantes de ADIF e do Ministerio de Fomento”, xa que estes últimos, asegura, son os que teñen de desenvolver o proxecto.

Finalmente, dende Ourense en Común, terceira forza na Cámara Municipal da capital, amosou tamén o seu descontento. En concreto, o seu portavoz, Martiño Xosé Vázquez, cualificou a convocatoria a un día de que remate o prazo de alegacións do proxecto, de “sinvergüencería” por parte do equipo de Goberno e “en concreto por parte do Alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad”. Para Martiño X. Vázquez, esta convocatoria supón unha “ocultación de información á cidadanía” xa que non lles pertmitiría facer alegacións. Asemade, o voceiro de OUeC asegurou que isto é “unha estratexia do PP para que se presente o menor número de alegacións posibles”. Para OUeC este proxecto da Intermodal é “unha chapuza” posto que “non é integrador xa que convirte o Centro de Saúde da Ponte nunha rotonda”. O Equipo de Xosé Vázquez está pensando inclusive en non acudir ás xuntanzas da Comisión de Seguimento “en sinal de protesta”, concluíu.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button