Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Vázquez pide a San Martiño que “protexa dos incendiarios que queiman a nosa terra”

A unidade de España, a seca, a violencia de xénero e as persoas maiores centraron a petición de Jesús Vázquez ao Santo Patrón da cidade de Ourense, San Martiño de Torus

A Catedral de Ourense abriu hoxe as súas portas para celebrar a tradicional misa en hora ao seu patrón, San Martiño de Tours. A nave central do edificio catedralicio encheuse de feligreses e devotos que acudiron a esta cita fixa do 11 de novembro, cando se conmemora o patrón, para escoitar a ofrenda que, cada ano, fai o alcalde de Ourense.

Como é tradición, a corporación municipal, co concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo, á cabeza como abandeirado da cidade, saíu en comitiva dende o edificio do Concello, na Praza Maior, ata a Catedral. A Banda de Gaitas do Concello, puxo ritmo a esta comitiva tocando o himno do antigo Reino de Galicia.

Xa unha vez dentro da Catedral, a imaxe de San Martiño de Tours percorreu o interior escoltada por unha comitiva de relixiosos e pola propia corporación municipal. Logo dunha serie de rezos e a homilía, oficiada en galego, foi a quenda de que o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, fixese a tradicional petición e ofrenda a San Martiño.

O rexedor municipal arrancou a súa petición ao santo falando de unidade: “fronte a aquela diferenza ou discrepancia, como en tantos parlamentos cotiás e espontáneos que asocian á nosa xente, tamén nesta Catedral hai sentimentos comúns que debemos de preservar por riba de todo”. Neste senso, Vázquez díxolle a San Martiño que Ourense e os ourensáns “séntese partícipe dos problemas e dos soños que mobilizaron ao conxunto de Galicia e España. En consecuencia, non somos alleos ás inquedanzas que ameazan a nosa convivencia e a nosa unidade nacional”. O alcalde fixo unha chamada á concordia e o entendemento e que o Santo axude neses camiños.

Os incendios tampouco faltaron  na petición do alcalde de Ourense. Neste campo, Jesús Vázquez díxolle o seguinte ao Santo Patrón: “protéxenos dos incendiarios que queiman a nosa terra e arrasan a nosa paisaxe, os nosos recursos produtivos e a nosa riqueza etnográfica. Estamos fartos deles porque Galicia non merece o que lle fan”.

Tamén a seca estivo presente nesta petición a San Martiño de Tours, xa que o alcalde rogoulle que intercedese para que a xente “comprendamos que a auga é cada vez un recurso máis escaso que esixe maior responsabilidade por parte de todos”.

Nas súas verbas, Jesús Vázquez non se quixo esquecer “da lacra”, dixo, que é a violencia de xénero “que sofren as mulleres que viven atemorizadas no seu fogar, cando alí deberían de ser fundamentalmente amadas”, rogándolle forzas ao santo para que “sigamos rebelándonos sen descanso”.

O rexedor municipal concluíu a súa petición ao Santo Patrón da cidade que rexe pedíndolle polas persoas maiores e pedíndolle que lle axude “a seguir pisando con forza coa nosa cultura en eidos comúns como as rutas xacobeas das que formamos parte” rematando o seu discurso como comezou, apelando pola unidade: “Véxome acompañado por un Ourense a seguir unido, entre si e co resto de Galicia e de España”.

Tras realizar a súa petición, Jesús Vázquez achegouse a imaxe de San Martiño de Tours e colocoulle aos pés a ofrenda floral do Concello.

Texto e fotos: Carlos Asensio. 

Artigos relacionados

Back to top button