En portadaÚltima hora

Veciños de Celavente (O Bolo) celebran a romaría de San Blas do Ribeiro

Máis dun século despois da última festa, xuntáronse para render culto ao santo nunha das zonas máis fértiles da contorna

A Juan Corzo Álvarez (natural de Celavente, O Bolo) sóbralle creatividade literaria, contando entre as súas obras centos de coplas e poemas adicadas aos lugares, persoas e acontecementos que lle son queridos. E tamén a santos.

Un dos protagonistas de moitas das súas coplas é o San Blas do Ribeiro, santo que dá nome a unha zona de Celavente, en pleno monte, a un quilómetro aproximadamente do pobo. Unha zona famosa pola súa fertilidade. “Seica polos anos vinte estas terras non tiñan prezo porque había un microclima extraordinario, daba patacas xa para o San Xoán e cousas que non se daban no pobo ata dous meses máis tarde” comenta Juan, aínda que o que máis abundaban eran as viñas, con restos de adegas que así o demostran.

 

Juan Corzo lendo a copla adicada a San Blas.

Quizais por ese microclima que cambiaba nada máis pasar o lumbeiro, pola calidade da terra ou polas fermosas vistas das que se poden desfrutar dende alí (de lugares como San Martiño, Barxa, San Fiz, O Mullerado,…), Juan explica que nese punto, a carón da capela de San Blas da que hoxendía apenas quedan unhas pedras, organizábase unha festa o día 3 de febreiro. “Segundo contan, durante esa festa se había algún problema entre veciños solucionábase aquí a paus” engade, asegurando que daquelas, tiñan misa, e despois había música, bailaban, comían e bebían.

Non se sabe o tempo que duraría en pé a capela pero hai polo menos un século que deixou de festexarse o San Blas. Precisamente para conmemorar os cen anos da última celebración no lugar, Juan Corzo e un grupo de amigos decidían, alá polo ano 2013, facer unha romaría na zona para o que limpaban e acondicionaban o acceso. A vida dá moitas voltas e as cousas fóronse complicando, e a romaría non se daba celebrado. Ata este ano.

 

Os asistentes á romaría.

Na tarde do 15 de febreiro de 2018, despois dunha longa espera, por fin un grupo de veciños de Celavente xuntábanse para celebrar o “San Blas do Ribeiro 2018”. Uns dos asistentes viven no pobo durante todo o ano, outros en pobos veciños como San Martiño, e outros como o propio Juan ou Maximino Fernández (quen amablemente nos levou no seu Land Rover) en cidades como Madrid ou Barcelona, pero todos queren e teñen moi presente o pobo que os viu crecer. Así o demostraron, aguantando estoicamente a chuvia mentres o anfitrión recitaba o poema adicado ao santo, acompañándoo tamén mentres cantaba o himno de Celavente e o himno de San Blas, e por suposto comendo as galletas bendecidas polo santo cuxa imaxe se conserva na capela de Navallos (onde celebraron a misa o pasado día 3).

Con este simbólico acto, os veciños de Celavente non só renderon culto ao santo, senón tamen aos seus antepasados.

 

Dende o entorno da capela de San Blas poden verse pobos como Barxa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button