Dende o Miradoiro Estelar do Rañadoiro (A Veiga) realizarase o vindeiro 24 de marzo unha actividade astroturística de observación da lúa e dos planetas, dirixida por Óscar Blanco, un dos referentes no astroturismo en Galicia.
Esta iniciativa formará parte do programa “Lúa en Trevinca”, que se programará na Veiga os días 24 e 25 de marzo, e que se enmarca nos actos de celebración a nivel internacional da “Hora do Planeta”. O programa comezará o 24 de marzo ás 20h. cun encontro na sala de conferencias do Toural na Veiga, onde Óscar Blanco explicará en que consistirá a proposta. Ás 22h. farase unha cea nun restaurante local e a partires das 00:15h. comezará a observación con telescopio da lúa crecente, que se espera presente unhas especiais condicións, no miradoiro estelar.
Para a xornada do 25 de marzo está prevista unha visita ao Centro de Interpretación de Ponte e unha pequena ruta ata o Pontón das Olgas. O prezo desta actividade é de 20 euros (10 euros sen cea) e as persoas interesadas en participar poderán anotarse no enderezo electrónico turismo.aveiga@gmail.com ou ben no teléfono 988 350130.