ConcellosÚltima hora

A Veiga, un dos escenarios do Coloquio Internacional de Xeografía Rural do 2018

Prevese a asistencia de máis de cen congresistas duns vinte países diferentes

 

Acto de presentación deste evento internacional.

Traballar in situ temas como o desenvolvemento turístico sustentable, a particularidade do rural de montaña, o despoboamento, o envellecemento e a provisión de servizos, equipamentos e infraestruturas en ámbitos de moi baixas densidades demográficas serán algúns dos obxectivos do Coloquio Internacional de Xeografía Rural que no verán do 2018 se celebrará en Galicia. Un dos tres escenarios nos que se desenvolverá será o municipio valdeorrés da Veiga.

“No 2018, por primeira vez en 26 anos, terá lugar en Galicia este coloquio; por segunda vez, en España. Dende o comité organizador propuxeron que a metade das sesións de tipo práctico se celebren na Veiga”, explican dende o seu Concello.

Os días de traballo na Veiga serán o 18 e o 19 de xullo de 2018. Agárdase a asistencia de máis de cen congresistas duns vinte países distintos. Habitualmente, a metade dos asistentes adoitan participar das xornadas prácticas. Así, eses días a maior parte da oferta hoteleira do concello veigués podería pór o cartel de completo. Nesas xornadas visitaranse casas de turismo rural, faranse percorridos guiados pola alta montaña e avaliaranse iniciativas de desenvolvemento rural en marcha.

Ademais, este congreso tamén terá como escenario Santiago de Compostela e a comarca de Ulloa. O 18 de abril tiña lugar o acto de presentación deste evento internacional na cidade vietnamita de Ho Chi Minh, nel estaba Valerià Paül, do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigos relacionados

Back to top button