En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Velocidade e moitos abandonos na etapa do 52 Rallye de Ourense por terras do Carballiño

Xevi Pons por saída de vía e Iván Ares por problemas mecánicos retirábanse da competición na xornada do sábado tralo paso por Beresmo e O Carballiño respectivamente

Despois dunha primeira etapa pasada por auga pero relativamente tranquila, co catalán Xevi Pons como líder da clasificación seguido de Pepe López e Iván Ares, a segunda xornada do 52 Rallye de Ourense, máis tranquila a nivel meteorolóxico, resultaba moi complexa con numerosos abandonos, entre eles dous dos favoritos: Pons e Ares.

Ás 11:08h. comenzaba a etapa de hoxe co tramo de Vilar de Condes (13,45 km), recuperado de edicións da década pasada, un dos que conforman o radical cambio que supón esta edición respecto á anterior, no que Pepe López se levaba os tres puntos outorgados polo TC+. Os dous puntos eran para Iván Ares e o terceiro mellor tempo era para Xevi Pons, pechando o top 5, Pernía e Javier Pardo. O TC5 tamén deixaba unha gran lista de abandonos. Javier Ramos e Marcos Canedo (que se reenganchara tralo abandono de onte) retirábase no enlace, e Francisco María Montes e Julio Álvarez facíano por saída de vía. Tambén abandonaban Delbin García, Ignacio Barredo, Clemente Alves e José Antonio Fernández.

 

Jesús Dobao e Pablo Rodríguez desfrutando do rallye no tramo de Vilar de Condes.

 

Apenas media hora despois, saían os equipos cara a especial de Beresmo, a máis curta do percorrido (11,33 km) e tamén a máis complicada a ollos dos pilotos, que deu un gran xiro na clasificación, con Pons que abría pista como o único abandono do tramo ao sufrir unha saía de vía. O catalán xa avisara da dureza do tramo e no seu caso o resultado foi negativo. Con Xevi Pons fora do rallye, Iván Ares facíase co liderato provisional, 4,4 segundos máis rápido que Pepe López. Terceiro foi Vinyes que ascendía ao podio da xeral, pechando o grupo dos cinco mellores, Pardo e Pernía.

 

Unha das saídas de vía desta segunda etapa do rallye.

 

A sorpresa do día saltaba no terceiro tramo desta sección, completamente novo e o máis longo do 52 Rallye de Ourensecon 26,05 km, co abandono de Iván Ares (segundo mellor tempo tras Pepe López) no enlace de regreso a Expourense por un problema coa bomba da gasolina. Así, esta edición do rallye ourensán víase privado dunha apaixoante loita entre Ares e Pepe López, separados por só 3,3 segundos. Con este abandono Pernía subía ao segundo posto da clasificación provisional e Vinyes ao terceiro. Ademais, tanto Javier Pardo como Roberto Blanch e Pepe López, con problemas cos freos, tivérono complicado para rematar o tramo.

Tal como explican dende a organización, no reagrupamento en Expourense todos os pilotos coincidiron en que “os dous primeiros tramos desta segunda etapa foron especialmente técnicos e difíciles, mentres que Carballiño foi máis relaxado”.

Fotos: Carlos G. Hervella e Jesús Dobao.

Artigos relacionados

Back to top button