CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Velusa, membro do grupo Os Trabazos de Castro Caldelas, representará a Portugal Norte no concurso “Recantos” da TVG

A 9ª edición do certame de Luar comezará o 14 de setembro coa participación de 20 Recanteiros
Verónica Álvarez Carvalho, Velusa.

Verónica Álvarez Carvalho, unha rapaza con raíces galego-portuguesas e residente en Castro Caldelas (Ourense), será a próxima Recanteira representante de Portugal Norte (terra natal de súa nai) no programa Luar da Televisión de Galicia baixo o nome artístico de Velusa.

Membro do grupo tradicional Os Trabazos de Castro Caldelas dende hai máis de vinte anos como percusionista e cantareira, e integrante do Folión O Irrio de Caldelas, Verónica foi tamén membro do Coro Lembranza, estando relacionada coa música dende nena, tendo ademais experiencia en televisión. Comezou sendo cativa en “Buscando Estrelas”, onde participou representando a Castro Caldelas na sección de música tradicional, e no programa “Aquí Galicia” onde estivo varias veces tocando co grupo Os Trabazos. Ademais, ten colaborado en programas como “Desexos cumpridos”; interveu nun sketch de “Criaturas da Noite” en “Land Rober”; e foi figurante na serie galega “Pazo de familia” e no vídeoclip gravado na Ribeira Sacra co grupo Milson´s e o Bruxo Queiman.

Agora, para cumprir o seu soño de ser artista musical, concursará na 9ª edición de “Recantos” do Luar. Unha experiencia que comezará xunto aos seus 19 compañeiros o vindeiro 14 de setembro.

Artigos relacionados

Back to top button