Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

Vence, no mitin do BNG en Ourense

A candidata nacionalista na cidade aposta por unha cidade “con servizos públicos e de calidade”
Xavier Vence, xunto á candidata nacionalista en Ourense, Susana García, no mitin.
Xavier Vence, xunto á candidata nacionalista en Ourense, Susana García, no mitin.

O vindeiro 24 de maio é unha oportunidade para converter o concello de Ourense “nun bastión contra o caciquismo asfixiante que exerce Baltar no conxunto da provincia”. Eran as palabras do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, no mitin que esta formación política celebraba na tarde do 14 de maio na capital da provincia. Ademais na súa intervención apostaba por “recuperar Ourense para a xente, para que esta cidade e esta provincia deixen de ser consideradas como a finca particular de ninguén”, ironizou o dirixente nacionalista.

E referíndose á candidatura BNG-Asembleas Abertas, que lidera Susana García, indicaba que representa a alternativa de toda a cidadanía “rebelde” que non se resigna a elixir entre os partidos do réxime bipartidista que conforman PP e PSOE. “Somos a alternativa á vella política clientelar do PP e ao desgoberno dun PSOE perdido en loitas internas e máis preocupado por defenderse das imputacións da xustiza que dos problemas da veciñanza”.

Pola súa banda, Susana García, aseguraba que a prioridade de BNG-Asembleas Abertas “será poñer os recursos orzamentarios do Concello ao servizo da creación de emprego para traer de volta a xente moza, Ourense non pode construírse un futuro se expulsamos a nosa xuventude por falta de oportunidades de traballo”. Asemade a cabeza de lista do BNG apuntaba que encontrar emprego na cidade “non pode depender da rede clientelar dos políticos de sempre”.

Para Susana García a gran aposta é acadar un Ourense “con servizos públicos e de calidade”, freando as privatizacións,-“caldo de cultivo da corrupción como se ten demostrado”-, e pola remunicipalización progresiva a medida que vaian expirando as actuais concesións.

Ademais comprometíase a “un Concello coas paredes de cristal, porque é a casa do pobo, a xente desta cidade ten que volver a recuperar o seu concello, que o sinta como a administración máis próxima, que dialoga e aporta solucións”.

Artigos relacionados

Back to top button