EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Verán de colleiteiros na praza Maior de Ribadavia

A asociación que agrupa a estes produtores e elaboradores do Ribeiro desenvolverá un programa de actividades na praza Maior desta vila durante o verán
Membros da Asociación de Colleiteiros do Ribeiro.
Membros da Asociación de Colleiteiros do Ribeiro.

Catas e showrooms guiados por colleiteiros na praza Maior de Ribadavia. A Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro queren levar ás rúas o seu labor e as súas elaboracións aproveitando a chegada do verán e a presenza de turistas na vila. Así durante as fins se semana estivais organizarán diversas actividades nos locais da praza para “explicar máis profundamente a elaboración dos seus caldos, así como para responder ás dúbidas dos máis curiosos e dos expertos”, tal e como adiantan dende esta entidade.

O programa de actividades abrirase o vindeiro 17 de xuño (cunha inauguración na praza Maior ás 22:30h) e prolongarase ata o 18 de setembro. Como punto de partida, “nas tendas especializadas Bretemas e Entretempos poderán atopar máis de 70 referencias de viños de colleiteiros/as tanto os turistas como os ribadavenses, todas elas 100% castes (uvas autóctonas)”, indican dende a asociación.

Praza Maior de Ribadavia./ Foto: Carlos G. Hervella.
Praza Maior de Ribadavia./ Foto: Carlos G. Hervella.

Esta experiencia colaborativa será posible grazas á colaboración entre a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro e varios establecementos do casco histórico de Ribadavia, que decidiron sumar esforzos para que estes proxectos de autor podan presentarse agrupados nun marco histórico e monumental, creando un gran centro de desenvolvemento turístico e de dinamización da económica local a partir do viño.

Con estas accións a asociación pretende “difundir a cultura do colleiteiro aproveitando que a vila de Ribadavia se enche de turistas no verán, así como dar a posibilidade de ter un lugar onde atopar a gran maioría de viños de colleiteiros”.

Artigos relacionados

Back to top button