ConcellosÚltima hora

Verín abre as inscricións para Os Maios

Con esta tradición lémbrase tamén cada 1 de maio a figura de Enrique Gómez Pato

 

Un dos Maios participantes na pasada edición desta festa en Verín.

Ata o día 23 de abril teñen de prazo os colectivos interesados en participar na “concentración non competitiva” dos Maios de Verín para realizar a súa inscrición. Os Maios que se presenten poderán ser artísticos ou enxebres, e  deberán levar no exterior “na súa totalidade elementos naturais, como xestas, carrabouxos, flores, madeiras, pedras, etc.”, segundo se establece nas bases elaboradas dende o Concello de Verín.

Estas esculturas vexetais colocaranse no Parque da Alameda nos lugares que o sorteo determine entre as 10:00 h e as 11:00 h do día 1 de maio e permanecerán nesa posición até que a organización conclúa o acto.

Ademais, “como axuda para as custas de montaxe, a cada asociación que concorra á concentración e cumpra os requisitos mínimos fixados nestas bases entregaráselle unha cantidade de 200 euros en coplas sen cargo. Como excepción, aos centros de ensino, polas características específicas das comunidades educativas, entregaráselle unha cantidade en metálico de 175 euros e 25 coplas sen cargo”.

Esta celebración organízase cada mes de maio en lembranza de Enrique Gómez, quen na década dos cincuenta do pasado século percorría as rúas de Verín con efémeras esculturas de madeira recubertas de plantas silvestres. O carón  ou agochado no  interior, el e os seus acompañantes cantaban e espallaban unhas coplas que a veciñanza agardaba pola súa creatividade e crítica. Deste xeito o Concello de Verín tamén pretende que se manteña esta “manifestación da nosa cultura popular“.

Artigos relacionados

Back to top button