OurenseÚltima hora

Verín abre o prazo para inscribirse na ludoteca de verán “Convive en Igualdade” e no campamento urbano “Támega”

Os participantes poderán inscribirse a partires do vindeiro xoves 18 de xuño

O vindeiro xoves 18 de xuño ábrese o prazo de inscrición da Ludoteca de verán “Convive en Igualdade” e do Campamento urbano “Támega” para o ano 2020, iniciativas organizadas pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín. Este ano, regresan as actividades orientadas a asegurar a seguridade dos seus usuarios e cos firmes obxectivos de axudar aos veciños para conciliar a súa vida laboral e familiar, así como de promover a igualdade entre todas as persoas.

 

O tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura e a concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior, Rosario Rodríguez.

 

Este servizo, que busca cubrir o tempo vacacional dos nenos e nenas, comezará o 1 de xullo e finalizará o día hábil anterior o comezo do curso escolar 2020/2021, que se prevé sexa o 10 de setembro; de luns a venres, con variedade de horarios, con distribución por idades e contratación de persoal cualificado fomentando o emprego xuvenil.

A Ludoteca de Verán é un espazo destinado a menores, con idades comprendidas entre os 3 e 10 anos, e o Campamento Urbano, destinado a menores de 11 a 14 anos, realizaranse nas instalacións dos CEIP Amaro Refoxo, Módulos, Colexio María Inmaculada e Princesa de España, e nas dependencias municipais Pavillón da Granxa e Pavillón de Deportes. Este ano, como novidade utilizaranse outros espazos a maiores como poden ser as instalacións cedidas polo colexio María Inmaculada.

 

 

As solicitudes cubriranse na Oficina Municipal de Información Xuvenil, na Casa da Xuventude (Avda. Portugal 11, 1ª planta – Porta 15), en horario de 8:30 a 14:00 horas. Así, terán preferencia os pais e nais que teñan que conciliar vida laboral e familiar e familias monoparentais por orde de inscrición e pago ata cubrir prazas. Para máis información contactar no 988 41 47 76.

“Somos conscientes de que a problemática derivada de crise sanitaria do Covid-19 dificulta aínda máis a conciliación familiar á hora de compaxinar o coidado dos fillos e o traballo, por iso desde o Concello decidimos reabrir este importante servizo, sempre por suposto garantíndolles que se están seguindo estritamente os protocolos e medidas de seguridade en todo momento”, indicaba o tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura.

Fotos: Concello de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button