CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Verín acollerá o primeiro Encontro Profesional de Música Galicia – Portugal

Este evento hamado MUMI VERÍN'20 celebrarase do 12 ao 14 de marzo e mesturará encontros profesionais con actividades abertas ao público

Presentación do I MUMI Galicia-Portugal.

 

O primeiro Encontro Profesional de Música Galicia – Portugal celebrarase en Verín. Así o anunciaban na presentación deste evento, MUMI Verín’20, que tiña lugar esta mañá na Casa da Cultura de Verín, contando coa asistencia da deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino; do tenente alcalde e da concelleira de Cultura de Verín, Diego Lourenzo e Emilia Somoza;d o director da AGADIC, Jacobo Sutil, e dos representantes de MUMI Galicia e Portugal, Manuel Vicente “Roxo” e José Costa.

O encontro, que se desenvolverá do 12 ao 14 de marzo, reunirá a artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinerxías sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa. Ademais, entre os obxectivos do encontro tamén está “fixar unha axenda anual de traballo conxunto a nivel sectorial, empresarial e institucional para converterse no espazo de referencia da actualidade musical de Galicia e Portugal”.

Tal como avanzaron na presentación, esta feira contará cunha programación profesional que mesturará actividades de formación, speedmeetings entre profesionais do sector, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e Portugal, e unha feira sectorial con presenza das empresas das diferentes áreas do sector. Ademais, o Camiño e o Xacobeo 2021 serán analizados como “grandes xeradores de oportunidades para o sector aproveitando o seu patrimonio cultural e os espazos naturais que ofrece”. Tamén haberá concertos abertos ao público xeral, nunha programación que mesturará os novos valores e as figuras xa consagradas en espectáculos multidisciplinares para público familiar e adulto.

As bandas ou artistas de Galicia e Portugal que teñan un proxecto musical de carácter musical, independentemente do tipo de formación ou estilo, poderán presentar as súas propostas artísticas ata o 11 de febreiro. As inscricións realizaranse a través da web mumimusicas.eu, e as propostas participantes serán escollidas por profesionais do sector, seguindo “non só criterios de calidade, senón tamén de viabilidade dentro dos propósitos e características da feira”, explicou Roxo.

Artigos relacionados

Back to top button