En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Verín aposta por facer do novo auditorio un motor de actividade cultural e formativa

O alcalde de Verín presentaba aos medios de comunicación as instalacións do novo Centro Cultural e das Artes do Concello

“A pesar das notables carencias no seu deseño e funcionalidade, o goberno municipal de Verín ten a vontade política de recibir coa máxima responsabilidade” o Centro Cultural e das Artes “e non escatimar esforzos en dotalo de contidos e utilidade”. Así o aseguraba o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, na presentación que facía ante os medios de comunicación desta nova infraestrutura na mañá do 15 de abril.

Nesta convocatoria, na que explicaba os detalles do auditorio e amosaba as súas diferentes dependencias, Seoane tamén apuntaba que o goberno municipal considera “un luxo innecesario a política de proxectos faraónicos e grandes infraestruturas carentes de sentido, pero tamén é consciente da necesidade de dotar de contido coa máxima responsabilidade esta obra. Recibimos un edificio ineficiente e mal exposto, pero que seremos capaces de converter nun auditorio eficiente ao servizo do pobo de Verín e a Eurocidade”.

O rexedor tamén se refería á gran dificultade que supón a posta en marcha destas intalacións debido a que tanto a obra como os seus accesos e a súa funcionalidade estaban “mal plantexados”. E adiantaba que o futuro deste auditorio será converterse nun motor da actividade cultural e formativa da vila. “Desde este mesmo momento queda a disposición dos veciños de Verín, asociacións culturais e teatrais e centros docentes a plataforma que o auditorio supón para a celebración de obras escénicas, actos docentes e escolares e actuacións de todo tipo. Teño que anunciar que os institutos de Verín xa están ao tanto e están a modificar a súa programación de actividades para aproveitar as oportunidades da nova infraestrutura desde leste mesmo fin de curso”.

Tamén anunciaba que o 16 e 17 de abril terá lugar unha xornada de portas abertas no auditorio e que na vindeira fin de semana (22 e 23 de abril) o novo Centro das Artes acollerá un seminario da Facultade de Xornalismo de Santiago de Compostela que achegará as últimas novidades técnicas no mundo da radio e da televisión.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button