ConcellosÚltima hora

Verín celebra a Feira do Lázaro e o VIII Certame Gastronómico

O programa de actividades desenvolverase entre os días 20, 21 e 22 de marzo nesta vila ourensá
O concelleiro de Cultura e o alcalde de Verín, co cartaz da Feira do Lázaro.
O concelleiro de Cultura e o alcalde de Verín, co cartaz da Feira do Lázaro.

Ao redor da artesanía e da gastronomía xirará a vindeira edición da Feira do Lázaro, que terá como escenario o pavillón municipal de Verín do 20 ao 22 de marzo e con entrada de balde. Neses días desenvolverase tamén o VIII Certame Gastronómico Vila de Verín, eventos no marco dos cales o Concello ten previsto despregar un amplo programa de “actividades culturais, lúdicas e deportivas en diversos espazos públicos da vila, co obxecto de converter esta festa nun acontecemento para todas os públicos”.

Desta volta a Feira do Lázaro contará coa presenza de expositores de Galicia, Norte de Portugal e doutras provincias españolas, nos que se poderán atopar artigos como aceites, mel, queixos, doces artesanais, produtos de fumeiro, xabóns artesanais, pintura ou bisutería, entre outros.

Ao mesmo tempo, no interior do pavillón terá lugar, por oitavo ano consecutivo o 21 de marzo (a partir das 10.15 horas), o concurso “Cigarrón de Verín”, que se divide en dúas categorías diferenciadas: alumnos/as de escolas de hostalería e profesionais da restauración e afeccionados/as.

Os premios que se outorgarán son os seguintes: Gran Cigarrón (para o prato principal tanto na categoría alumnos/as de escolas de hostalería e profesionais da restauración como a de afeccionados/as, é dicir, dous galardóns dotados cada un con 400 euros) e Cigarrón Doce (na de sobremesas, tamén para as dúas categorías de participantes, e cun valor de 200 euros cada un), segundo se informa dende a organización.

A maiores a Denominación de Orixe Monterrei organizará durante dúas xornadas da feira, venres e sábado, unha cata de viños desta zona vitivinícola. Estará aberta ás persoas interesadas e será coordinada polo sumiller galego Nacho Costoya. E xa dentro do apartado lúdico, o recinto do polideportivo de Verín tamén acollerá unha ludoteca e obradoiros infantís; así como actuacións de música tradicional, e espectáculo de grupos de baile e acrosport.

Pero a celebración do Lázaro en Verín irá máis aló. Ampliarase a diferentes espazos da localidade con multitude de propostas: Torneo de Natación do Lázaro, (21 de marzo, ás 10 horas, na Piscina Climatizada, e no que participarán por primeira vez seis equipos da provincia e do norte de Portugal), Torneo de Tenis do Lázaro (21 de marzo, ás 9 horas, no complexo deportivo de A Granxa, coa presenza de deportistas procedentes de diferentes puntos da xeografía ourensá), VI Torneo de Fútbol de Veteranos (21 de marzo ás 18 horas, no complexo deportivo de A Granxa), procesión de San Lázaro e misa na Igrexa Parroquial (22 de marzo, ás 11.30 horas) ou actuacións musicais nas prazas García Barbón e Maior durante as tres xornadas da festa.

Abrirá o programa musical a prestixiosa orquestra Olympus na noite do venres, que lle cederá a quenda na noite do sábado a D’Moda, e xa na a tarde do domingo a actuación de Ritmo Joven pechará as Festas do Lázaro do ano 2015.

Artigos relacionados

Back to top button