OurenseÚltima hora

Verín contará cunha planta de biorresiduos que se instalará no Polígono de Pazos

A planta ocupará unha parcela de case 12.000 m2, terá unha capacidade de tratamento de 3.000 toneladas de fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos, coas que se prevé acadar unha produción de 1.500 toneladas anuais de compost de calidade, que se destinará a usos agrícolas

Un dos momentos da visita da conselleira de Medio Ambiente esta mañá a Verín.

 

A cuarta planta de biorresiduos da Xunta construírase no concello de Verín, concretamente no Polígono empresarial de Pazos. Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita á parcela na que se ubicará esta planta de biorresiduos que construirá Sogama, e que se sumará á planta de Vilanova de Arousa (Pontevedra) e de Cervo (Lugo).

Así, a administración galega disporá dun orzamento de 5,5 millóns de euros, para a adquisición dos terreos (400.000€) nos que se instalará a planta e para a construción das instalacións, que terá como base o proxecto técnico da planta de Cervo, que está a punto de adxudicarse, de similares características; polo que isto reducirá os prazos de construción desta nova infraestrutura co obxectivo de que sexa unha realidade o vindeiro ano.

Os terreos que albergarán a cuarta planta -que dará servizo a 24 concellos da provincia- suman unha superficie de case 12.000 metros cadrados, dos cales 3.500 se disporán para a nave pechada que implica esta instalación. Ao igual que a que se instalará na provincia de Lugo, terá unha capacidade de tratamento, ata 3.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 1.600 Tn de podas e restos de madeira. Con este material, explicou que o obxectivo é acadar unha produción de 1.500 Tn anuais de compost de alta calidade, que se destinará ao sector da agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.

A planta de Verín beneficiará a preto de 52.300 habitantes da provincia, concretamente aos veciños dos municipios de Verín, Oímbra, Monterrei, Cualedro, Trasmiras, Laza, Castrelo do Val, Ríos, Vilardevós, Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Sandías, Xunqueira de Ambía, Sarreaus, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso, A Gudiña, A Mezquita e Viana do Bolo. Neste sentido, a previsión é que a planta dea emprego na zona a entre 8 e 10 persoas.

A planta abranguerá a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo todas as fases (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento) así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. O tratamento levarase a cabo en naves pechadas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, e a operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable (a través de paneis solares, fundamentalmente).

Artigos relacionados

Back to top button