EconomíaEconomíaGalerías de fotosSen categorizarÚltima horaViticultura

Verín, escenario da XII Feira do Viño de Monterrei

A mostra, que reúne a 15 adegas desta denominación ourensá, inaugurábase na tarde do 11 de agosto e continuará ata o 13 de agosto

A Alameda verinense acolle, por terceiro ano consecutivo, a XII Feira do Viño de Monterrei. O certame inaugurábase na tarde do 11 de agosto nun acto no que interviña por vez primeira a nova presidenta do Consello Regulador desta denominación, Lara Da Silva, quen resaltaba a importancia do sector vitivinícola para esta comarca ouernsá, así como a calidade dos seus caldos os recoñecementos colleitados.

Tamén tomaba a palabra no acto o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen se refería á arraigada tradición vinícola desta zona, lembrando que, malia que esta D.O. “é a máis nova, pero coa historia de produción de viño máis antiga de Galicia”. Logo tiña lugar a lectura do pregón, desta volta a cargo de Julián Velasco Mielgo, director xeral das áreas de Programación e Comercial de Cadena COPE, quen lembraba a súa relación co mundo do viño, louvaba as elaboracións de Monterrei e incidía na importancia da comercialización.

Despois as diferentes autoridades percorrían o recinto feiral, que reúne nesta edición a 15 adegas: Abeledos, Boo Rivero (Fragas do Lecer), Daniel Fernández, Franco Basalo, Gargalo, Ladairo, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Pazo de Valdeconde, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Trasdovento, Triay, Valderello, Vía Arxéntea e Vinos Lara. Ademais no recinto cóntase con stands que ofrecen diversas propostas gastronómicas.

A continuación, na igrexa da Mercé procedíase á imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei, un acto que estivo presidido polo presidente da Xunta e Galicia, Alberto Núñez, e que contaba coa presenza de diversas autoridades. Os cinco novos membros que se unen á confraría son: Bernardo Álvarez García (viticultor, impulsor da creación da D.O. Monterrei, e un dos primeros vogais do consello), José Luis Gómez Ibáñez (viticultor e propietario da adega Valderello), Gerardo Seoane Fidalgo (alcalde de Verín), Antonio Ángel Méndez Atanes (viticultor, enólogo ex presidente do CRDO Monterrei) e Julián Velasco Mielgo (pregoeiro desta edición).

Ademais entregábanse, por primeira vez, tres medallas de ouro a título póstumo a tres persoas pola súa vinculación con esta DO: Manuel Blanco Núñez (cofundador da adega Pazo Blanco Núñez – Tapias Mariñán), José Luis Vaz Vilela (fundador da adega Ladairo) e Ernesto Atanes Payo (cofundador de Crego e Monaguillo).

Asemade na tarde do 11 de agosto inaugurábase a mostra “Dionisos, 2000 anos de historia en Monterrei”. O certame continuará os días 12 e 13 de agosto con gastronomía, a través de stands na propia feira, viño, música e deporte. Os prezos das degustacións dos viños da feira son iguais que os das últimas edicións: 5 degustaciones por cinco euros e unha copa da D.O. por dous euros. O horario de apertura da feria será de 12.00 a 14.30 h e de 19.00 a 24.00 horas, sábado e domingo respectivamente.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás as das imposicións de medallas que son cedidas polo Concello de Verín.
Máis información:
https://osil.info/dende-culto-dionisos-d-monterrei-nunha-exposicion/

Artigos relacionados

Back to top button