En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Verín fai da Feira do Lázaro un escaparate tecnolóxico, de innovación e crecemento do sector primario

Inaugúrase “Agro+”, mostra adicada á agricultura, gandería, tecnoloxía e alimentación, que poderá visitarse nesta fin de semana no pavillón de deportes

As máis punteiras novidades en tecnoloxía agraria, como son os drons, en maquinaria, técnica ou produtos poderán verse ata a tarde do 2 de abril en “Agro+Verín”. Esta nova mostra, que pretende resaltar o papel do rural, tanto nesta comarca ourensá como en zonas próximas como Portugal, reúne no pavillón verinés a máis de 30 expositores. Abríase ao público no mediodía do 1 abril nun acto que contaba coa presenza, entre outras autoridades, da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, referíase na súa intervención á problemática da despoboación do rural e nese senso apuntaba que “tanto persoalmente coma como alcalde, estou convencido dunha realidade: o lugar de asentamento e a taxa de fecundidade dunha sociedade están en función directa das expectativas económicas e laborais da xente. Ollo, non da realidade económica do presente, senón das expectativas do futuro, da confianza nos plans e na estabilidade do día de mañá”. De aí, continuaba Seoane, que nesta edición do Lázaro, “e tendo en conta que Verín é a cabeceira dunha ampla comarca agraria, dende o goberno municipal quixemos mudar o concepto desta feira e facer dela un escaparate das expectativas tecnolóxicas, de innovación e de crecemento do sector primario no mundo actual”.

Asemade o rexedor verinés referíase a unha pequena exposición instalada na entrada do pavillón, titulada “Mostra do enxeño no Val de Monterrei”, que “queremos que sexa un revulsivo para que a nosa xente descubra que en Verín fomos moi punteiros e somos moi creativos”. Entre os obxectos expostos figuran orixinais armarios usados antano para conservar os alimentos, varias prensas de viño, un escano, unha singular máquina sulfatadora do século XIX, apeiros de labranza e mesmo “o precursor da industria téxtil de Verín, un mini tear do século XIX”, destacaba Seoane. Este conxunto de elementos foron cedidos temporalmente por Antigüidades Fernández e complétanse cunha bicicleta de madeira, de Gerardo Fernández “Geri”, quen con “I+D e deseño, conseguiu exportar dende Verín bicicletas de madeira a todo o mundo”.

O acto inaugural, que tamén contaba coa actuación da Banda de gaitas de Verín, incluía tamén unha visita das autoridades aos expositores. Entre eles están os da Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei cun túnel do viño no que participan 17 adegas, Verín Biocoop, Cárnicas Hermanos Regueiro, Aerocámaras, etc.

Outra das partes de “Agro+” é a súa aposta pola divulgación e pola formación. Realizaranse unha serie de xornadas técnicas que consistirán en charlas centradas no desenvolvemento rural e no aproveitamento de recursos e potencialidades da comarca. Ditas charlas levaranse a cabo as mañás dos días 1 e 2 e paralelamente a elas transcorrerá a feira no pavillón, con stands relacionados coa agricultura, gandería, tecnoloxía e alimentación. Previo á celebración destes intensos dous días tamén tiñan lugar  charlas os días 23 e 28 de marzo.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Horarios de “Agro+Verín”:

Sábado, 01 de abril en horario de 10:00h a 14.00h e de 16:00h a 21:00h.

Domingo, 02 de abril en horario de 10:00h a 14.00h e de 16:00h a 20:00h.

Máis información:
https://osil.info/mostra-inedita-universo-creativo-de-barreira-en-verin/
https://osil.info/feiras-libro-e-de-artesania-na-praza-da-merce-de-verin/

Artigos relacionados

Back to top button