Ten sido creada baixo os auspicios da Comisión Europea e reúne a máis de 25 institucións de Portugal, Italia, Alemaña, Reino Unido, Croacia, Eslovenia e España. A Rede Europea de institucións públicas e privadas relacionadas co Carnaval vén de acepar ao Concello de Verín como novo asociado.
Isto supón que Verín “verase beneficiado directamente das oportunidades de promoción e financiación a nivel europeo, a curto prazo, e xa de forma indirecta participará en calidade de asociado no proxecto Patrimonio Efimeral dos Rituais do Carnaval Europeo“, tal e como se destaca dende Eurocidade Chaves-Verín.
Esta iniciativa pretende promover algúns dos rituais dos carnavais europeos e os sectores culturais e creativos asociados con eles. “Estes acontecementos constitúen unha parte importante do patrimonio cultural inmaterial de Europa. O proxecto pretende dar maior atención a estes acontecementos e crear vínculos entre eles e, en última instancia, reforzar a idea dun espazo cultural europeo común e realizar o sentimento dunha identidade europea común”, indican dende a Eurocidade Chaves-Verín.