ConcellosÚltima hora

Verín participa un ano máis no programa de acollida temporal “Vacacións en Paz” para nenos saharauís

O Concello oferta dúas prazas de acollemento, quedando tan só unha vacante, para familias residentes no municipio e asume os gastos de traslado dos menores acollidos

O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo con tres nenos saharauis.

 

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín, en colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, participa un ano máis no programa de acollida temporal ‘Vacacións en Paz’, que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto. O Concello de Verín, que se fará cargo dos gastos de traslado dos menores acollidos, oferta dúas prazas de acollemento para familias residentes no termo municipal, quedando neste momento tan só unha vacante.

Verín vén participando nesta iniciativa solidaria dende o ano 2004 ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que os seus fillos, desfruten dunha estancia agradable baixo a supervisión e os coidados de familias de acollida no noso concello. “Trátase de ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra, exclusión e incerteza geo-polítca, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharauí”, explican dende o Concello.

Os obxectivos do programa son: trasladar a nenos/as saharauís, procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís en Tindouf (Alxeria), para pasar dous meses de verán acollidos por familias galegas, reivindicar o dereito dos nenos e nenas saharauís a vivir no Sáhara Occidental e poñer de manifesto a situación na que actualmente viven, facilitar asistencia médica e de alimentación, promover -entre a sociedade galega- os valores de tolerancia e solidariedade facilitando así a convivencia e integración de todas as persoas na comunidade, perfeccionar a aprendizaxe da lingua castelán e galega que estudan nos seus programas escolares e ofertar unha alternativa de ocio e tempo libre, Evitar a súa estancia nos campamentos durante os meses de xullo e agosto por teren as temperaturas máis altas (máis de 50º).

Artigos relacionados

Back to top button