En portadaÚltima hora

Verín proxecta desenvolver no Pozo do Demo o “maior atractor turístico do sur de Galicia” cos Next Generation

O Concello creará un Museo Natural ao aire libre e seis rutas temáticas de centradas na xeoloxía, flora, na fauna e na historia deste lugar emblemático

 

O Concello de Verín reordenará os recursos turísticos que encerra o Pozo do Demo desde unha nova e rompedora óptica: un Museo Natural ao aire libre fará visitables, mediante seis rutas temáticas, os inxentes recursos naturais, xeolóxicos, arqueolóxicos e históricos que aglutina esta paraxe tan querida en Verín. O plan, tal e como avanza o grupo de goberno local, prevé a recuperación de varios megalitos, así como a escavación completa do Bouzadoiro e do enclave no que os historiadores atoparon os restos do Castelo de Cabreira, así coma unha ruta especial dedicado á batalla contra as tropas de Napoleón en 1809.

“O Pozo do Demo é moito máis ca un enclave natural”, afirma o goberno municipal, “como dixo don Xesús Taboada Chivite é un panorama de tal grandeza cósmica que xustifica o respecto con que se mira aquela sima” cuxo entorno agacha numerosos secretos e tesouros naturais, arqueolóxicos e históricos. Para poñer en valor un total de seis rutas temáticas que sirvan para visitar este lugar de incomparable beleza, o Concello de Verín presentará un ambicioso proxecto aos Fondos Next Generation da Unión Europea, coa finalidade de xenerar o maior atractor turístico no sur de Galicia. O goberno de Verín tamén procurará financiación ante outras administracións.

O Pozo do Demo atópase á beira da autovía A-52, a vía de entrada máis utilizada polos visitantes desde a Meseta, cunha media de 6.000 vehículos diarios, pero que en época turística chega aos 12.000-18.000, segundo os datos da DGT. A vista do cachón do Pozo do Demo domina visualmente o percorrido da A-52 ao seu paso por Verín, polo que a importancia da ordenación deste recurso é crucial para xenerar un atractor turístico que podería beneficiar fondamente á comarca do Támega. “Só con que o 10% dos viaxeiros que contemplan a garganta do Pozo do Demo ao seu paso pola autovía decidisen parar en Verín, poderíamos ter 1.800 visitantes ao día nas tempadas turísticas”.

O Pozo do Demo é un “kettle” ou marmitón erosivo que se taponou polos derrubes tras dun cachón nun dos afluentes secundarios do Támega. Pero a beleza do entorno rochoso, con varios centos de metros de caída, e a presencia dos restos dun castelo medieval, dun campo de megalitos, dunha vila romana e dunha xeoloxía, flora e fauna excepcionais fan da zona, segundo o documento base do Plan Director do Pozo do Demo “un megarrecurso turístico, unha zona dunha riqueza como atractor que ven delimitada pola súa riqueza natural e a súa visión desde a autovía A-52”.

Plan Director e axudas europeas

O aproveitamento turístico do entorno da Baixada de San Xosé e o regato das Quintas, co seu cachón e o seu campo megalítico, o seu castelo e o seu xacemento romano require un importante desenvolvemento turístico e de interpretación patrimonial. Un Plan Director recolle todas as actuacións a levar a cabo nos próximos anos para esta ambiciosa reordenación do recurso, moi apreciado xa desde antigo no imaxinario social de Verín, e importante fonte de recursos deportivos para sendeiristas e amantes da natureza en Monterrei.

“Agora trátase de darlle outra volta ao concepto”, afirman desde o goberno municipal, “e de ser un conxunto de enclaves queridos por todos, ímos convertilo nun atractor turístico para meter a máis de 100.000 visitantes ao ano en Verín”, mediante un xigantesco Museo Natural ao aire libre e o aproveitamento “dunha das paisaxes de maior beleza da provincia, un balcón ao Val de Monterrei”.

Para elo, o Plan Director prevé unha serie de actuacións que reordenarán totalmente a faciana do Pozo do Demo. En primeiro lugar, xerarase unha nova centralidade do recurso, na parte frontal do cachón do regato das Quintas, para estruturar seis rutas -incluíndo unha de accesibilidade total, sen desnivel- temáticos por áreas de interese: xeolóxico, megalítico, romano, medieval, flora e fauna e historia do evento de 1809, “todos eles de enorme interese e que están sen desenvolver, e ademais co atractivo dun roteiro para facer visitables os acantilados superiores”.

Observatorio xeolóxico comarcal

“A garganta do Pozo do Demo é un espello e un resumen da formación xeolóxica de Verín”, tal e como recolle o documento do Plan Director do Pozo do Demo, e polo tanto o entorno do Pozo do Demo é unha oportunidade única para explicar a xeoloxía da comarca, conformada a partires de fenómenos naturais únicos que son plenamente observables desde os seus altos. En primeiro lugar a erosión que encheu o val de Verín cos sedimentos de montañas da oroxenia Hercínica que, ao desfacerse e ser arrastradas polas augas -entre outras do cachón do Pozo do Demo- deron lugar á chaira de Verín.

Ademais, no espazo que ocupa o actual banco-mirador do Pozo do Demo, dedicarase un espazo de información á xeoloxía comarcal, desde o que interpretar os restantes fenómenos que deron orixe á configuración actual da comarca: o fenómeno termal, a partires da falla Regua-Verín (que pasa xusto por diante) un plegamento (sinclinal ou sinforme de Verín) e un cabalgamento (cabalgamento de Verín) tal e como recollen os estudos do xeólogo Pedro Farias Arquer no seu libro “(“Geología de la región del sinforme de Verín”).

O Pozo do Demo, que técnicamente falando é unha “ola de xigante” ou fenómeno erosivo formado pola auga ao final dun cachón, producido pola auga e os elementos abrasivos que arrastra contra a pedra, conforma un gran oco, pulido e redondeado, ocluído por derrubles ciclópeos de granito. “O panorama ten tan grandeza cósmica”, escribiu Xesús Taboada Chivite en 1950, “que xustifica o respecto supersticioso co que se mira aquela sima onde o torrente espumoso afóndase con estrondo ensordecedor durante a invernada”.

Por se fora pouco, a espectacular paisaxe do Pozo do demo ten unha forte carga simbólica, que atraeu ao ser humano desde a noite dos tempos. Segundo recolle o Plan Director do Pozo do Demo, este fenómeno estendeu a mística relixiosa e a mitoloxía desde o neolítico ata os nosos días, coa presenza de moitos elementos líticos e de tres menhires ou pedrafitas únicos na Península (“Pedrafitas no contorno do Pozo do Demo, Rafa Castro, 2014”). A esto deben unirse os restos romanos do Bouzadoiro -que o plan prevé escavar completamente e poñer en valor) ao igual que os do castelo medieval de Cabreira.

 

 

“Megarrecurso” turístico

A espectacularidade do recurso e a súa envidiable situación para servir de base pedagóxica e divulgativa da natureza e a historia da súa contorna fan ao Pozo do Demo único no seu xénero: presenta a oportunidade de xenerar seis rutas interpretativas moi atractivas para divulgar os seguintes ítems:

• A xeoloxía da formación da rexión do sinforme (plegamento) de
Verín.
• Os monumentos megalíticos e petroglifos da Baixada de San Xosé.
• A pegada romana, co xacemento de O Bouzadoiro
• O castelo medieval de Cabreira, pendente de escavación arqueolóxica.
• As batallas da guerra napoleónica (accións de Ábedes e A Trepa do 6 de
marzo de 1809)
• As lendas e a mitoloxía popular, que provocaron una “febre do ouro” a
principios do século XX
• A flora e a fauna autóctonas.

Estas seis rutas “complementarán mediante a divulgación ambiental o uso do Pozo do Demo como zona de esparexemento e de paseo, que dea continuidade ao afecto popular que acumula no imaxinario de Verín, e que deu orixe desde finais do século XX á organización de andaidas e roteiros deportivos oficiais como o trazado en 2005 do PRG 150, ruta oficial da Federación Galega de Montaña, actividades ambas que tiveron un enorme calado e o mérito de proxectar este recurso de gran interese”, asegura o Concello de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button