CulturaCulturaÚltima hora

Verín proxectará “Welcome to ma maison” no marco do Ciclo Mestre Mateo

 

O Concello de Verín continúa coas proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, un circuíto de cinema galego impulsado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, a vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Pontevedra e a Deputación de Ourense, dirixido a concellos e vilas que desexen incluír na súa oferta cultural o máis destacado do audiovisual galego actual.

A cuarta cita será o xoves 16 de xuño, ás 20.30 horas, coa proxección do documental Welcome to ma maison no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín, lugar no que terán lugar todas as exhibicións programadas no marco desta iniciativa. (Os filmes proxectaranse mensualmente ata novembro, exceptuando os meses de xullo e agosto, sempre con carácter gratuíto).

Welcome to ma maison é un documental experimental, dirixido por Andrés Goteira, construído con imaxes reais, sentimentos sinceros e problemas verdadeiros. Un falso documental, rodado a modo de making of, onde todo o que se mostra é 100% real.

Ciclo Mestre Mateo

A programación do Ciclo Mestre Mateo ofertada está composta polas películas finalistas nos Mestre Mateo, os premios do audiovisual galego, uns galardóns que destacan as obras de maior calidade na produción audiovisual do ano, organizados tamén pola Academia Galega do Audiovisual.

O obxectivos principais da iniciativa son achegar o audiovisual galego aos concellos, vilas e centros galegos do exterior aos que habitualmente non chegan as producións que participan nos Premios Mestre Mateo, facilitar o acceso da cidadanía a unha programación cultural de calidade con produción galega e favorecer o achegamento á nosa cultura e o noso idioma a través do audiovisual.

Artigos relacionados

Back to top button