EconomíaEconomíaÚltima hora

Verín realiza un simulacro masivo da morte do seu comercio local

Unha agresiva campaña de concienciación, impulsada por Aever, mobiliza a unhas 300 persoas entre empresarios do comercio, servizos, e hostalería, representando un posible peche do comercio e as súas catastróficas consecuencias para a vida na vila

 

Un dos establecementos participantes nesta campaña en Verín./ Foto cedida.

 

Comercios sen luz, cos escaparates cubertos con follas de xornais e as rúas baleiras de actividade. Verín vén de poñer en marcha unha agresiva campaña de concienciación que mobiliza a unhas trescentas persoas entre empresarios/as do comercio, servizos, e hostalería, representando un posible peche do comercio e as súas catastróficas consecuencias para a vida na vila. Con esta imaxe buscan xerar un debate necesario sobre os comportamentos de consumo e e as posibles medidas para frear a crise do sector.

Tras meses de análise da situación de vulnerabilidade do tecido empresarial da vila, ameazado por hábitos de consumo pouco responsables cara ao comercio local, o tecido empresarial de Verín leva a cabo unha representación dun posible peche masivo dos establecementos e os seus efectos na economía e a sociedade da vila. Practicamente a totalidade de socios de Aever- entidade impulsora da campaña- e un total de trescentas persoas apoiaron dende o principio esta acción que transformou Verín -como se dun enorme escena teatral se tratara- nunha vila con todos os comercios pechados. Durante as semanas previas, e ata poucas horas antes do día sinalado, ducias de negocios foron uníndose a esta acción, que consideran necesaria para que a poboación tome conciencia.

Á iniciativa sumáronse numerosos establecementos, como supermercados, franquicias, empresas de servizos, hostaleiros que participan no coñecido “pinchoxoves” e mesmo o Concello colaborou apagando a iluminación dos edificios públicos e reducindo a intensidade das luminarias nas vías públicas.

A campaña levouse a cabo con moita discreción por parte das persoas implicadas, para xerar sorpresa nos viandantes que se atoparon dende primeira hora da mañá con escaparates tapados e mensaxes unánimes de apoio ao comercio local.

O apagado das luces e o peche dos negocios a partir das sete da tarde, xerou sorpresa na cidadanía que non esperaba unha iniciativa que lle mostrara os severos efectos da crise do comercio local: unha vila sen luz, sen escaparates, sen xente paseando, sen traballo… en definitiva unha vila morta. Este era o obxectivo da campaña, que quedou sobradamente conseguido tras a impactante imaxe das rúas da vila co comercio pechado.

Outras asociacións de Galicia levan a cabo simultaneamente campañas similares polo que dende a directiva de AEVER espérase que o impacto acadado por esta acción sexa moi alto nos medios de comunicación e nas redes sociais, grandes aliadas do sector como se ten mostrado en campañas anteriores.

“Nesta ocasión búscase xerar na cidadanía unha reflexión necesaria sobre o peor escenario posible, que sería a desaparición do comercio e as consecuencias sobre outro tipo de empresas como hostalería, ou servizos”, sen embargo, dende a Asociación de Empresarios/as de Verín animan a socios e a outras empresas colaboradoras a seguir traballando en clave de atopar solucións.

Entre as estratexias de mellora propostas destacan a colaboración intersectorial, a innovación tecnolóxica no pequeno comercio ou o apoio a iniciativas emprendedoras que poñan en valor os produtos e servizos da comarca. Para elo trabállese en rede con entidades locais, comarcais e autonómicas, e AEVER proporciona información en materia de políticas de apoio ao comercio que se levan a cabo dende as administracións públicas

 

Artigos relacionados

Back to top button