Sábado 26 de setembro. 20:30h. Pavillón de deportes de Verín. Son os datos clave para asistir ao desfile de moda que a vila do Támega recupera despois de catro anos, da man de Verín Centro Comercial Urbano e AEVER en colaboración co Concello.
Segundo explican dende a organización trátase dun proxecto “que nace para potenciar o turismo de compras e a importancia turística de Verin como centro histórico e centro neurálxico da moda e o comercio”.
Baixo o nome “Pasarela Verín de Moda” o evento pretende unir as sinerxías de institucións, comerciantes e empresarios en prol da promoción de Verín como destino turístico de compras e como un escaparate aberto ao mundo. “Un evento que se cronificará e ampliará cada ano converténdose deste modo no evento de moda mais agardado de Monterrei e Ourense Sur”, din dende AEVER.
O espectáculo, que contará coa presenza de numerosos rostros do mundo da música e da interpretación como Lucía Pérez, Rafa Durán, María Mera, Rosa Cedrón ou Diana Nogueira, entre outros, arrancará cunha impresionante apertura e contará con pases de moda das diferentes casas participantes e actuacións, “o que fai que o evento teña un atractivo moi grande para todo o publico e de tódalas idades”.
Ademais, o desfile infantil será o prato forte con ata 56 modelos da vila de entre 3 e 12 anos, que serán elixidos no casting que se celebrará o vindeiro venres 18 de setembro de 17 a 20h. no mesmo pavillón.