CulturaCulturaÚltima hora

Verín retoma a programación presencial dos Maios cun completo abano de actividades

Os actos, organizados polo Concello, terán lugar o 30 de abril e o 1 de maio na Alameda e Praza García Barbón da vila

Publicidade
A concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza.

 

Despois de dous anos de parón obrigado polo Covid-19, o Concello de Verín retoma a programación presencial dos Maios. Tamén recupera a Feira Solidaria que contará coa participación de varias entidades sen ánimo de lucro, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ ou servizos con fins solidarios. As actividades programadas terán lugar o 30 de abril e o 1 de maio na Alameda e Praza Maior de Verín. Así o confirmou esta mañá a concelleira da área de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza.

Segundo confirmou Somoza, o sábado 30 de abril terá lugar na Praza García Barbón un emotivo acto conmemorativo con motivo do centenario do nacemento de Enrique Gómez Pato. “Para esta merecida homenaxe, dous recoñecidos verineses prepararon un evento moi especial coa finalidade de inmortalizar a figura deste “poeta esquecido”: O ebanista Gerardo Fernández esculpiu un busto, e o escritor Edelmiro Mateo escribiu o libro, editado polo Concello de Verín, “O poeta esquecido – in memoriam do Pato”; ambas obras serán presentadas ás 20:30 horas na Praza Maior”, adiantaba a concelleira.

Xa o propio domingo 1 de maio, desde as 11 horas, está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos confeccionados polos diferentes colectivos e asociacións participantes. A mesma hora estarán á venda tamén as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 2 euros e o diñeiro recadado coa venda de 500 exemplares destinaranse ao financiamento do programa da UNICEF “Emerxencia na Ucraína”.

Ás 13:00 terá lugar na Alameda o tradicional concerto da Banda de Música do Conservatorio de Verín.

Durante a programación dos festexos, e até primeira hora da tarde, haberá na Alameda un posto de polbo. O pan é o viño serán gratuítos, ao estaren subvencionados, como é habitual desde os anos oitenta, polo Concello de Verín.

A recuperación da festa

A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Gómez Pato a comezos da década dos cincuenta. “O Pato”, coa colaboración dos seus fillos, e, anos máis tarde, a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior foron os continuadores desta exaltación da primavera en esculturas efémeras e de crítica social dos acontecementos locais ou externos en verso rimado. No segundo goberno municipal democrático, no primeiro quinquenio dos oitenta, a festa viuse reforzada, con subvencións a Maios e coplas feitos por asociacións, colexios e institutos; aliciente gastronómico e actividades paralelas.

V Feira Solidaria de Verín

A Praza García Barbón acollerá tamén o vindeiro domingo 1 de maio a quinta edición da Feira Solidaria, organizada polo Concello de Verín. «Esta iniciativa», explicou Somoza, «pretende poñer en valor o labor das asociacións sen ánimo de lucro da nosa vila. Para iso, este ano enviamos unha invitación formal para participar neste evento a todas as asociacións rexistradas neste concello».

As asociacións sen ánimo de lucro interesadas en inscribirse poden facelo a través do teléfono 620098799.

Entre os obxectivos da Feira Solidaria atópanse proporcionar información sobre as distintas asociacións que participan no evento e dos servizos que ofrecen e conseguir apoio económico para poder seguir levando a cabo os seus proxectos e actividades e a creación dun marco de cooperación común entre os seus organizadores e colaboradores.

Ás 10:00 horas, terá lugar no marco desta celebración unha Andaina Solidaria organizada polo Concello de Verín e o Clube Sendeiristas de Monterrei, en beneficio de Cruz Vermella Monterrei. O percorrido será de 10 quilómetros e comezará na Pousa (Centro Social do Clube Sendeirista Monterrei). As inscricións, que terán un prezo de 5 euros (importe que irá destinado integramente a AECC), poderán adquirirse en Ferretería Lucas (rúa Galicia, 6.) até o 29 de abril.

O horario de apertura dos Stands da Feira Solidaria será de 10:00 a 20:00 horas .

Artigos relacionados

Back to top button