DeportesÚltima hora

VI carreira por parellas “Obarconamora” o 12 de febreiro no Barco

A proba atlética está enmarcada na campaña de namorados do Centro Comercial Aberto O Barco
Ángeles Rodríguez, vicepresidenta do CCA O Barco, Mireira Rodríguez, representante da Delegación Valdeorresa de Atletismo e Sandra Moldes, presidenta da asociación comercial, na presentación da campaña.

A Asociación Centro Comercial Aberto O Barco vén de poñer en marcha a campaña de namorados na que se sortearán 6 ceas para outras tantas parellas, entre os clientes que cubran as 6.000 tarxetas que se repartirán ata o 14 de febreiro, coas compras nos establecementos integrados no CCA.

A presentación da campaña tiña lugar na mañá do 2 de febreiro nas oficinas da asociación, contando coa presenza de Sandra Moldes e Ángeles Rodríguez presidenta e vicepresidenta da asociación e dos representantes da Delegación Valdeorresa de Atletismo, Agustín González e Mireia Rodríguez.

No acto, a presidenta do colectivo comercial explicou que a campaña que se desenvolve nos establecementos asociados compleméntase coa carreira por parellas “Obarconamora”organizada en colaboración coa Delegación de Atletismo de Valdeorras e co Concello do Barco. A sexta edición da proba celebrarase o domingo 12 de febreiro a partires das 12h. con saída e meta na praza José Otero. “Quixemos favorecer a participación dun maior número de persoas de todas as idades, así como potenciar a práctica do deporte ao aire libre desfrutando das paisaxes do Barco”, dixo Sandra Moldes, engadindo que ao finalizar a proba entregaranse os trofeos aos gañadores así como agasallos a todos os corredores, e realizarase un sorteo de 2 ceas entre os participantes.

 

Participantes na pasada edición da carreira. /Foto: Carlos G. Hervella.

Con respecto á carreira, o circuíto da categoría absoluta que sairá ás 12h. é duns 5.000 metros e nela os participantes correrán por parellas atados polos pulsos, podendo ser mixtas (home e muller), masculina (home e home) e feminina (muller e muller). Ás 13h. sairán os corredores da categoría infantil masculina e feminina (1.000m); ás 13:10h. farano os alevíns (500m); ás 13:15h. os benxamíns (300m); e ás 13:20h. os pitufos (100m).

As inscricións para a carreira absoluta realizaranse a través da web http://www.carreirasgalegas.com ou nas oficinas do CCA, ata o xoves 9 de febreiro de forma totalmente gratuíta.

 

Artigos relacionados

Back to top button