DeportesÚltima hora

VI Noite “entre lobos e estrelas”, en Trevinca

Esta andaina nocturna de alta montaña desenvolverase na noite do 1 ao 2 de agosto nas lagoas glaciares da Serra Calva
Cartaz desta marcha nocturna organizada polo Concello da Veiga.
Cartaz desta marcha nocturna organizada polo Concello da Veiga.

Dende o Alto das Tablillas, nos pobos de Valdín e Porto (na divisoria entre Ourense e Zamora), ata Ponte (A Veiga). Este será o percorrido que, baixo a luz da lúa chea, completarán os participantes na sexta edición da marcha nocturna “Entre lobos e estrelas”, que está programada para a noite do 1 ao 2 de agosto. En conxunto cubrirase unha distancia de 22,150 km e estímase que se tardarán pouco máis de nove horas.

“Como sempre neste tipo de actividade, e dentro dun marco deportivo, pretendemos sobre todo dar a coñecer os valores medioambientais e turísticos dentro do máis estricto respecto á natureza, xa sexa faunística, botánica ou xeolóxica. Por suposto, non podemos olvidarnos nunca dos aspectos tanto etnolóxicos como antropolóxicos. As antigas formas de vida no rural así como os seus mitos e lendas teñen para nós especial importancia”, segundo se indica dende a organización. Desta volta, un dos principais referentes deste percorrido polo Macizo de Trevinca, ao longo da Serra Calva, srá o coñecemento dos destacados restos glaciares, entre os que sobresaen as lagoas.

Perfil do percorrido desta sexta.
Perfil do percorrido desta sexta.

As persoas persoas interesadas en participar poderán realizar a súa inscrición na Oficina de Turismo de A Veiga (telf. 988 350130). O prezo da mesma serán 25 euros, que inclúen, ademais da inscrición, a cea do sábado, o traslado en autobús e o almorzo do día seguinte.

Esta marcha será organizada polo Concello da Veiga e a dirección da mesma estará en mans de Trevihost (Asociación de Turismo de Trevinca). “Como en edicións anteriores, pedirase a colaboración do Grupo de Montaña da Garda Civil de Trives para atender na seguridade durante todo o percorrido. Tamén se pedirá a participación e axuda da Garda Civil da Veiga”, indican os promotores.

Asemade advirten de que “non se aconsella a inscrición nesta actividade a todas as persoas que non reúnan as condicións físicas necesarias para soportar este tipo de percorrido de alta montaña galega con fortes desniveis de altitude”.

Artigos relacionados

Back to top button