ConcellosÚltima hora

Viana do Bolo abre o Nadal cunha pista de patinaxe

Instalarase do 5 ao 10 de decembro no pavillón municipal onde tamén haberá inchables, touro mecánico e simuladores
Pista de patinaxe./ Foto: Carlos G. Hervella.

Con patinaxe sobre xeo estrearase o mes de decembro en Viana do Bolo. Do 5 ao 10 deste mes instalarase no pavillón municipal unha pista que estará aberta de 16h. a 21h e da que poderán gozar nenos e maiores. O prezo da entrada será de 4 euros, se ben haberá vales de descontos (dun máximo de 1 euro por persoa e día). Ademais no pavillón contarase con inchables, touro mecánico e simuladores.

Pero a programación navideña de Viana, que se presentaba o 28 de novembro, vai moito máis alá. Así o día 9 está programada a actuación de Sergio Pazos co seu monólogo “Afiando con humor”. Esta actividade, enmarcada dentro da ReaOU (Rede de Auditorios de Ourense), conta coa financiación da Deputación Provincial de Ourense.

A concelleira de Cultura e o alcalde de Viana do Bolo, na presentación da programación de Nadal.

Continuando coa programación de Nadal, os días 14, 15 e 16 de decembro polas tardes impartirase un “Curso de cociña e tapas de nadal” para que os/as asistentes poidan tomar ideas de cara a elaboración dos seus menús de nadal.

Na mesma liña, o día 22 de decembro desenvolverase un obradoiro de larpeiradas de Nadal, pero neste caso dirixido aos máis pequenos/as da casa.

O programa inclúe tamén proxeccións, contacontos, a ludoteca de Nadal, actuacións musicais, cantos de taberna, xogos e, por suposto, a tradicional cabalgata de Reis.

Artigos relacionados

Back to top button