ConcellosÚltima hora

Viana convoca o concurso para elixir o cartel do Entroido 2020, cun premio de 1.500 euros

A data límite para a presentación dos traballos é o venres 10 de xaneiro de 2020

O alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández./ Foto cedida.

 

O Concello de Viana do Bolo vén de presentar as bases do concurso no que se decidirá o cartel do seu Entroido 2020. “Este ano ten unha especial significación, pois cúmprense 50 anos da festa da Androlla, que como ben se sabe celebrase o Domingo Gordo, que coincide o 23 de febreiro do ano 2020”, tal e como sinala o seu alcalde, Secundino Fernández.

Ante esta efeméride o goberno municipal decidiu “elevar o premio ao ganador do concurso; así este ano levará 1500 €; multiplicando por 3 o valor económico. No ano 2019 tivera un premio de 450 €, co cal o esforzo económico do Concello tamén se incrementa notablemente. Tamén pomos por diante a importancia do cartel que anunciará o noso querido entroido e por suposto honrar debidamente á Androlla no 50 aniversario da súa festa”, resalta o rexedor vianés.

A data límite para a presentación dos traballos e obras no Concello é o venres 10 de xaneiro de 2020. Segundo recollen as bases do concurso, os traballos que se presenten deberán ser en formato vertical, en medidas con tamaño A1 (594 x 841 mm). No caso de que a obra sexa presentada con sistemas informáticos, deberá aportarse, ademais de reprodución a cor que reúna os requisitos sinalados, o correspondente soporte dixital de todos os ficheiros necesarios para a obtención do orixinal do cartel.

 

Boteiros e un dos fulións de Viana do Bolo na praza maior da vila no Entroido./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

As obras levarán como único texto “ENTROIDO 2020 – 50 FESTA DA ANDROLLA – VIANA DO BOLO. Do 13 ao 26 de Febreiro”.

“Dende esta alcaldía animamos a todas e todos os artistas, tanto de Viana do Bolo, como de fóra a participar neste concurso. E por suposto a toda a poboación a que reserve datas para gozar do Entroido de Viana do Bolo e do seu manxar máis exquisito a androlla”, conclúe Secundino Fernández.

As bases poden consultarse en :
https://vianadobolo.gal/portal-cidadan/index/gl

Artigos relacionados

Back to top button