ConcellosÚltima hora

“Viana de negro” para celebrar o Día Internacional da Violencia de Xénero

Este programa inclúe unha andaina, diversos obradoiros, teatro e ata unha exposición co fin de sensibilizar e previr esta problemática
Presentación do programa de actos. Na imaxe, o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández; a directora e psicóloga do CIM, Sara Feijóo; e o concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Diéguez.

Con motivo da conmemoración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de xénero o Concello de Viana do Bolo, a través do seu Centro de Información á Muller (CIM), organizará unha serie de actividades de sensibilización dirixidas a “todo público de diferentes características e idades”.

Así haberá iniciativas de prevención pensadas para o alumnado dos centros escolares (IES Carlos Casares e CEIP Bibei) en forma de representación teatral e obradoiros de autoestima. Dentro das actividades de prevención tamén se inclúe o día 21 de novembro ás 11h. un obradoiro de “Ciberseguridade e prevención de violencia na rede”, dirixido a nais e pais, que será impartido por persoal do Centro Quérote+ de Ourense.

Ademais, por segundo ano consecutivo, Viana do Bolo desenvolverá unha campaña de visibilización denominada “Viana en negro” na que “contamos coa colaboración dos establecementos comerciais e institucións públicas do Concello de Viana do Bolo”, segundo se indica dende o CIM.

Para o día 26 de novembro, está prevista a realización dunha andaina contra a violencia machista (con saída dende a praza Maior ás 9:45h.) na que poderán participar todos/as os/as veciños/as maiores de 12 anos que o desexen. Terá un percorrido circular e pasará por San Mamede e Fornelos de Coba, para rematar novamente na vila de Viana. A data límite de inscrición (no CIM) será o 20 de novembro.

O abano de actos complétase cunha exposición promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade e dirixida á mocidade “A Violencia de Xénero dille non” e, por último, co “I Seminario de Defensa Persoal para a Muller” (os días 11, 18 e 25 de novembro) que está organizado de forma conxunta polo CIM e polo Centro Sociocomunitario de Viana do Bolo e financiado polo Concello.

 

Artigos relacionados

Back to top button