En portadaÚltima hora

Viana do Bolo acolle o encontro público: “A Galicia baleira: retos e respostas”

Esta xornada celebrarase o 27 de estembro no salón de plenos do Concello

Panorámica da vila de Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Arredor da problemática do despoboamento no rural galego e das súas posibles alternativas xirará o encontro público “A Galicia baleira: retos e respostas”, que se celebrará na mañá do vindeiro venres 27 de setembro no salón de actos do Concello en Viana do Bolo.

A xornada dará comezo ás 9h. co acto de benvida aos asistentes por parte de Lourenzo Fernández Prieto, catedrático da USC e coordinador académico da rede Revolta e do alcalde de Viana, Secundino Fernández. Despois darase paso á mesa “Diágnose” na que participarán os profesores Edelmiro López Iglesias, que falará sobre a situacion demográfica actual; Isidro López Dubert, cunha intervención sobre a demografía dende a historia; Alba Díaz Geada coa ponencia “O rural morre cando se van as mulleres”, e Eduardo Corbelle que abordará as persoas e os usos do territorio. A continuación a poeta e gandeira vianesa Nieves Fernández recitará versos propios.

Ás 12h. terá lugar a mesa “Alternativas”, moderada Elena Fernández e coa presenza dos investigadores da USC, David Soto, Mar Pérez Fra, Emilio Carral e Teresa Rodríguez e o profesor da UVIGO Xavier Simón, que analizarán as posibles propostas de mudanza da actual situación demográfica en Galicia. O programa finalizará con debate e conclusións.

Este encontro está promovida pola rede Revolta, composta por oito grupos de investigación, e que xunta a 15 investigadores/as e unha poeta “co obxectivo de afondar nunha preocupación social cunhas dimensións transcendentais para o futuro de Galicia. O despoboamento e o envellecemento, que afecta especialmente a Ourense e Lugo debe ser abordado dende múltiples ópticas e a través dun debate. A xornada concíbese como un espazo para o debate, polo cal ábrese ao conxunto da cidadanía. Tecer lugares de encontro entre a sociedade e a universidade é un dos sinais de identidade da rede Revolta e supón un compromiso por xerar espazos de intercambio de coñecemento”. Coa organización tamén colabora o Concello de Viana do Bolo.

 

 

 

Coa xornada A Galicia Baleirada a rede REVOLTA (http://revolta.usc.gal/) continua o camiño iniciado cos encontros Rural Imaxinado que tiveron lugar en Lalín e Vilar de Santos, así como o análise das diferentes Experiencias Productivas Innovadoras que dan conta dos procesos de ecoagroinnovación que se están dando en Galicia.

 

Artigos relacionados

Back to top button