En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Viana do Bolo finaliza a sinalización turística intelixente do casco antigo da vila

A sinalización física dos elementos patrimoniais complementouse “cunha ferramenta tecnolóxica que ampliará a información recollida nos sinais, de espazo limitado, e que será accesible mediante o emprego de códigos Bidi”, comenta o alcalde vianés

Dende a praza Maior ata a Torre medieval da homenaxe. As persoas que visiten a partir de agora o fermoso casco antigo de Viana do Bolo atoparán unha nova sinalización turística intelixente para descubrir o patrimonio desta localidade, semellante á que se instalou na mina de ouro romana das Médulas de Caldesiños, neste mesmo concello.

No caso da zona antiga da vila colocáronse 17 sinais identificativos de construcións e elementos de interese, un panel xeral do casco histórico (situado na praza Maior) e dúas mesas paisaxísticas. “O municipio de Viana é posuidor dun rico patrimonio arqueolóxico, ambiental, histórico e monumental froito da historia. Este patrimonio xunto a un contorno de elementos naturais e monumentais salientables constitúe unha base sobre a que o Concello pretende posicionarse como destino turístico”, resalta o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández.

No legado histórico da vila o rexedor destaca o descubrimento en Viana do Bolo “en 1728, dunha plancha de bronce labrada, que parece indicar a presenza dun pequeno castro que puido ser o primeiro núcleo de poboación do municipio. Na Idade Media levantouse aquí unha fortaleza arredor da cal se construíu a historia do concello e cuxa orixe parece remontarse ao ano 800. En 1180, logo de atopala desfeita polas incursións musulmás, Fernando II decidiu reedificala e repoboar a vila que a rodeaba. Despois, tanto o castelo coma as súas terras gozaron de foros e goberno propios, pero tamén foron escenario de constantes enfrontamentos, propiciados polos continuos cambios de propiedade, pois das mans de Fernando Osorio de Castro, da casa de Lemos, pasaron ás de Pedro Enríquez; posteriormente, Filipe II erixiunas como cabeza do marquesado de Viana a favor de Pedro Pimentel. As
liortas irmandiñas conduciron de novo á destrución deste castelo, que tivo que ser reconstruído no século XV e que no XIX volveu ser testemuña de novos episodios bélicos durante as guerras carlistas. Primeiro no XVIII e, máis tarde, durante a Guerra Civil española, foi empregado tamén como cárcere”.

 

Outro coñecido elemento de interese da vila é a actual fonte da praza Maior, coñecida como O Pilón, e construída para “conmemorar a execución dos promotores dun alzamento liberal en 1830”. Dentro da arquitectura relixiosa desta parte da vila están a igrexa parroquial de Santa María, que aínda conserva unha ventá prerrománica de probable orixe mozárabe e outros restos románicos; a capela da soidade, capela do cemiterio… Percorrendo o casco vello vianés tamén poden verse numerosas casas con escudos e con estrutura pacega.

“Co obxectivo de facilitar a experiencia dos visitantes e a súa interpretación do seu patrimonio realizouse un traballo de sinalización física dos elementos máis senlleiros da vila. Esta sinalización complementouse cunha ferramenta tecnolóxica que ampliará a información recollida nas sinais, de espazo limitado, e que será accesible mediante o emprego de códigos Bidi”, comenta o alcalde de Viana do Bolo.

Ademais este proxecto implementará unha aplicación móbil, “accesible a través dunha serie de códigos Bidi instalados sobre paneis en formato A3 realizados en aceiro que porán a disposición dos visitantes a información sobre o patrimonio cultural (arquitectura, etnografía e arqueoloxía), así como da historia do conxunto monumental”, prosegue o rexedor.

Esta aplicación, que traballa sobre a plataforma que fornece Google Maps, será gratuíta para os usuarios e permitirá acceder aos seus contidos en tres idiomas (galego, castelán e inglés) así como nun sistema de narración en altofalante para persoas invidentes. “Facendo click sobre cada unha das iconas desprégase un apartado descritivo e fotografías de cada ben cultural, ofrecendo aos visitantes unha completa información do recurso”, indica Secundino Fernández.

Fotos: Concello de Viana do Bolo.

Artigos relacionados

Back to top button