ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Viana do Bolo presenta o seu programa para conmemorar o 25N

A campaña, que este ano se trasladará dun xeito moi importante ás redes sociais, “xira en torno a unha idea fundamental: a importancia da implicación de toda a veciñanza na loita contra esta lacra”, segundo o Concello

 

“25N: Ante a violencia non tapes a boca”. É o lema do programa que actos que se desenvolverán en Viana do Bolo para conmemorar o 25 de novembro, “Día internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller”. Están promovidos dende o Concello de Viana do Bolo, a través do Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM). O deseño da imaxe desta campaña é obra da ilustradora e deseñadora gráfica pontevedresa Paula Cheshire.

“A campaña, que este ano se trasladará dun xeito moi importante ás redes sociais, xira en torno a unha idea fundamental: a importancia da implicación de toda a veciñanza na loita contra esta lacra. Publicacións diarias dende o martes 10 de novembro ata o 30 do mesmo mes darán conta da magnitude deste problema que afecta, non só as mulleres, se non a fillas/os, familias e a sociedade en xeral”, adiantan dende o Concello vianés.

Aí mesmo, a campaña será visible coa creación dun Punto de Información e Sensibilización na Praza Maior de Viana do Bolo na semana do 23 ao 27 de novembro. Nel, “as persoas que o desexen poderán achegarse e recibir información e material da campaña (dípticos informativos, máscaras, mochilas, camisetas, etc.)”.

Dende a organización tamén indican que, “un ano máis, propoñemos a realización de varios obradoiros de promoción da igualdade e prevención da violencia no IES Carlos Casares da man de recoñecidas escritoras galegas coma Antía Yáñez, Montse Fajardo e da ilustradora Laura Romero”.

Por último, o Concello de Viana do Bolo volverá a colaborar na campaña de sensibilización “En negro contra as violencias”, na que participan máis de 100 concellos galegos e que inclúe os establecementos comerciais e institucións da vila de Viana coa distribución de máis de cartelería e lemas propois da campaña.

“As limitacións propias destes tempos complicados que estamos a vivir impídennos levar a cabo moitas actividades e actos, pero con esta programación tratamos de conmemorar este destacado día minimizando os riscos para a poboación… recordando que “Ante a violencia non tapes a boca!!”.

 

Artigos relacionados

Back to top button