ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViana do Bolo

Viana do Bolo réndese á maxia do Mago Teto

Este ilusionista actuaba na noite do 14 de agosto e, ante a gran resposta do público, fará dúas novas sesións o vindeiro luns 17 de agosto

 

“Esta é unha actuación moi especial”, confesáballe ao Periódico O Sil o Mago Teto minutos antes de subirse ao escenario, á beira do castelo de Viana do Bolo, na noite do 14 de agosto. Este recoñecido ilusionista actuaba na casa e facíao ademais cunha gran acollida entre o público. Tan boa, que das dúas funcións inicialmente previstas do seu espectáculo “Unha noite noite castelo” para este venres, pasarase a catro. E así o público terá unha nova oportunidade de desfrutar dos trucos deste mago o vindeiro luns 17 de agosto ás 21 e ás 23h. nesa mesma ubicación.

“A maxia segue, a cultura é máis necesaria ca nunca. Necesitamos públicos e creo que os públicos necesitan a cultura. E a verdade é que os concellos e os programadores culturais están facendo un gran labor apostando pola cultura. No caso da maxia estámonos movendo nunhas condicións de aforos limitados e con mascarillas, pero a xente está respondendo moi ben. Eu, persoalmente non me podo queixar”, comentaba o Mago Teto, quen agradecía de xeito especial ao Concello de Viana que “apostase pola miña maxia” e á xente de Viana “por responder desta maneira, facendo que de dous pases que estaban previstos agora se fagan catro”.

 

 

Estas actuacións, que coinciden coa véspera da celebración da Asunción e do San Roque en Viana, forman parte das actividades programadas pola Concellería de Viana do Bolo neste mes de agosto tan inusual.

“Desgrazadamente nestes tempos de pandemia non se pode programar ningún acto festivo, pero quixemos traer, á parte do cine coa proxección de “María Solinha”, ao Mago Teto. Durante o confinamento el agasallou a todos os rapaces de Viana que cumpriron anos cun vídeo personalizado e estabamos en débeda con el, ademais o seu espectáculo está sendo un éxito. Nun día esgotáronse as localidades para hoxe e propuxémolle facer outros dous pases para o día 17 e xa están practicamente esgotadas. Alégranos moito ter ao Mago Teto aquí e que teña tanto éxito”, resalta a concelleira de Cultura de Viana, Graciela Diéguez.

Estas actuacións realizábanse con aforo limitado (previa inscrición dos asistentes) e respectando todas as medidas de seguridade fronte ao Covid. Tamén se contaba nelas coa colaboración de Protección Civil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close