ConcellosÚltima hora

“Viana en negro” para conmemorar o “Día internacional contra a violencia machista”

O Concello vén de presentar o programa de actos, que comezará o 15 de novembro e que incluirá concentracións, obradoiros, teatro, contacontos e unha andaina, entre outras propostas
Presentación do programa de actos en Viana do Bolo./ Foto cedida.

Con motivo da conmemoración o vindeiro 25 de novembro do “Día internacional contra a violencia machista”, o Concello de Viana do Bolo, a través do seu Centro de Información á Muller (CIM), organizará diversas actividades e actos durante este mes de novembro e que comezarán o día 15.

“As actividades son moitas e moi variadas e con elas preténdese sensibilizar a toda a veciñanza vianesa contra a lacra que supón a violencia machista”, adiantan dende o CIM. “Este ano, o Concello de Viana do Bolo adheriuse á campaña de sensibilización “En negro contra as violencias”, unha campaña que conta xa coa adhesión de máis de 100 concellos de toda Galicia e coa que se pretende implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia. Por esta razón o lema deste ano será “Viana en negro” e, con el, o Concello de Viana ten preparada a distribución de máis de 150 carteis e 100 camisetas que serán expostos nos establecementos comerciais e edificios públicos da vila de Viana do Bolo dende a partir desta semana”, enganden dende o CIM.

Ademais para o venres 23 de novembro está prevista unha concentración e un acto fronte ao edificio do Concello que estará coordinado cos outros 100 concellos participantes na campaña “En negro contra as violencias”.

Ademais, terán lugar outros actos e actividades, entre as que destacan un obradoiro sobre “agresións sexuais e violencia sexual” (organizada a través da Secretaría Xeral de Igualdade e orientada ao alumnado do IES Carlos Casares de Viana do Bolo”, a presentación da obra teatral “Invisibles” (dirixida a público a partir de 12 anos e que conta 7 casos reais de violencia de xénero protagonizados por un importante e recoñecido elenco de actrices dirixidas por Marián Bañobre), o contacontos “Como axudo a Antón?” (dirixido ao alumnado do CEIP Bibei de Viana do Bolo, onde se traballará e afondará no tema da violencia escolar, o compañeirismo, a empatía, etc.) ou a presentación da sección de literatura feminista e feminina (acto no que se darán a coñecer as moitas e novas adquisicións de literatura feminista e feminina destos últimos meses na Biblioteca municipal de Viana do Bolo).

 

 

 

Para o propio día 25 de novembro terá lugar en horario de mañá, e por segundo ano consecutivo, unha andaina polas rúas e camiños de Viana do Bolo. Antes terá haberá un acto conmemorativo desta data e unha pequena concentración na Praza Maior. Pola tarde, no Campo de Fútbol de Viana do Bolo, o C.D. Viana mostrará o seu compromiso contra a violencia nun pequeno acto no que lucirán camisetas co lema “Viana en negro”.

Finalmente, o xoves 29 terá lugar a creación da “Mesa Local Interinstucional contra a violencia de xénero”, á que acudirán os responsables das institucións locais implicados na loita contra a violencia (centros de ensino, corpos de seguridade, centro de saúde, servizos sociais, responsables políticos, etc.). A creación da Mesa contará coa presenza tamén de persoal da Secretaría Xeral da Igualdade e da Subdelegación do Goberno.

Ese mesmo día pola tarde, farase o último dos actos conmemorativos do 25 de novembro que consistirá nunha charla- coloquio “acerca da prostitución e da trata de mulleres, un tema que nas últimas semanas está moi de actualidade”, indican dende o CIM de Viana.

Artigos relacionados

Back to top button