Con motivo do Día do Libro, o Concello de Viana do Bolo prepara o que será a terceira edición da “Feira do Libro e Libro de Ocasión”. O evento terá lugar o sábado 21 de abril a partir das 17:00h na Praza Maior desta localidade.
“Durante toda a xornada poderedes adquirir libros novos e de segunda man de tódalas temáticas e para tódalas idades. Trátase dunha iniciativa cultural, divertida e solidaria “, sinalan dende o Concello de Viana do Bolo. Ademais esta mostra contará con actividades de animación como unha actuación da compañía Rilo & Penadique “que traerán con elas maxia e fantasía” co espectáculo “O pozo das señoras”. Esta representación de contos e marionetas, vai dirixida a un público familiar, e tamén inclúe narración oral e música.
Por outra banda, o domingo 22 de abril terá lugar na Casa da Cultura de Viana do Bolo outra actividade cultural. Trátase da terceira e última das actuacións do Festival Terra Máxica. “Para a clausura deste gran Festival contamos coa actuación do Mago Teto , que traerá o seu último espectáculo Íntimo“, adiantan dende o Concello.