ConcellosÚltima hora

Viana volve a mobilizarse pedindo melloras no servizo de Pediatría

A Asociación Bico Doce convocaba unha concentración no Centro de Saúde desta localidade
Asistentes á concentración no centro de saúde vianés./ Foto: Bico Doce.
Asistentes á concentración no centro de saúde vianés./ Foto: Bico Doce.

Na mañá do 8 de novembro tiña lugar ás portas do Centro de Saúde de Viana do Bolo unha concentración en defensa dun mellor servizo de pediatría nesta vila. Estaba convocada pola Asociación de Apoio á Lactancia Materna e Crianza Respectuosa de Viana en demanda de “un servizo de pediatría de calidade”.

Piden que se amplíen “os días de servizo e que se cubran as vacacións e permisos e solcitamos un servizo de matrona”, indican dende a citada asociación. Ademais adiantan que a partires de agora farán unha concentración mensual o primeiro martes de cada mes ás 11 h.

Bico Doce fixera públicas as súas demandas en setembro pasado e ante elas a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense anunciaba que se ía estudar a actividade e demanda da Unidade de Pediatría do Centro de Saúde de Viana do Bolo. Ademais unhas horas despois da concentración, dende o Sergas emitíase unha nota de prensa explicando que “o Centro de Saúde de Viana do Bolo conta cunha xornada de consulta semanal de pediatría, servizo que se vén prestando pola Unidade de Pediatría de A Rúa-Viana, formada por un médico e unha enfermeira que pasan consulta en ambos concellos, con cobertura comarcal”.

Sinalábase asemade que, “en conxunto, a poboación infantil da Unidade de Pediatría de A Rúa-Viana descendeu un 22% nos últimos oito anos”, unha redución, matiza o Sergas, que “é especialmente significativa entre os menores de 3 anos, onde o descenso da poboación infantil atendida pola Unidade de Pediatría de A Rúa-Viana chega ata o 27%, pasando de 184 a 133 nenos, e do 32% en Viana do Bolo, centro no que pasou de atender a 56 nenos en 2008 aos 38 de hoxe, marcando unha tendenza descendente para os vindeiros anos”.

Artigos relacionados

Back to top button