CulturaCulturaÚltima hora

Viaxe ao fantástico mundo cunqueriano con Sarabela no Barco

A compañía ourensá presenta a súa última montaxe "Crónicas do paraíso" o 8 de novembro no Teatro Lauro Olmo

 

Unha das escenas de “Crónicas do paraíso”./ Foto: Sarabela Teatro.

 

Cargada de maletas, unha carruaxe que comparten un grupo de misteriosos pasaxeiros atravesa as terras dunha imaxinaria Bretaña. Nesta fantástica viaxe embarcaranse tamén os espectadores o vindeiro 8 de novembro no Teatro Lauro Olmo do Barco.

No seu escenario Sarabela Teatro presentará a súa última montaxe, “Crónicas do paraíso”, dunha hora de duración. Gonçalo Guerreiro dirixe esta produción na que esta compañía ourensá se adentra nos fantásticos mundos de Álvaro Cunqueiro, xa que a obra é unha versión libre da súa obra “As Crónicas do Sochantre”, con textos de Fernando Dacosta.

“Mantense a liña xeral da historia do Sochantre de Crozon que a cambio de exercer as súas funcións musicais no funeral do fidalgo de Quelven recibirá deste un pomar de agasallo. Mais nesta montaxe, os límites confúndense: a noite fúndese co día, a morte, coa vida e o drama, coa comedia”, segundo a compañía. A peza está interpretada por Sabela Gago, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Fran Lareu e Elena Seijo.

A posta en escena –asinada por Gonçalo Guerreiro, da compañía Elefante Elegante– ten vocación contemporánea e mestura conscientemente os xéneros: a interpretación coa danza e as linguaxes non verbais co texto, escrito por Fernando Dacosta. Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Fina Calleja e Sabela Gago protagonizan unha montaxe na que participou un equipo de máis de vinte persoas.

Artigos relacionados

Back to top button