ConcellosÚltima hora

Viaxe reivindicativa de Ponferrada ao Barco en tren para celebrar o bicentenario da provincia do Bierzo

A iniciativa está promovida dende Fala Ceibe e está prevista para o vindeiro sábado 24 de xullo

 

En conmemoración do Bicentenario da creación da provincia de Vilafranca do Bierzo (1821-1823), o colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo ten previsto organizar unha viaxe en tren ao Barco de Valdeorraso vindeiro 24 de xullo. “Trátase de dar a coñecer aos bercianos a próxima comarca galega e promocionar a celebración provincial no Barco mediante este peculiar irmandamento turístico. Toda a viaxe terá un guía turístico gratuíto que ofrecerá as oportunas explicacións históricas aos viaxeiros”, adiantan dende esta entidade.

Pero esta viaxe terá un dobre obxectivo. Ademais de celebrar o bicentenario provincial cunha serie de actividades, Fala Ceibe pretende “reivindicar o mantemento do tren rexional Ponferrada a Vigo con saída das 6.15 da mañá con esta viaxe organizada”.

 

 

A saída en tren está prevista para o sábado 24 de xullo de 2021 desde a estación ferroviaria de Ponferrada ás 6.15 horas e, tras uns 45 minutos de percorrido, chegarase á estación do Barco, dende onde os participantes subirán a pé á vila do Castro. “E se hai ganas podemos achegarnos ao mosteiro de Xagoaza. Este mosteiro está rodeado de especies arbóreas, castiñeiros, abeleiras, aciñeiras, carballos, etc.”, din dende Fala Ceibe.

Despois baixarán cara Viloira e, de volta ao Barco, pasearán polo casco antigo da vila e dirixiranse cara a Casa do Concello e tamén percorrerán o Paseo do Malecón. O regreso á estación ferroviaria do Barco será o final galego. O tren rexional partirá ás 18.45 horas con dirección a Ponferrada.

Artigos relacionados

Back to top button