OurenseÚltima hora

O vicepresidente da Xunta visita o “Parque dos Patos” da Valenzá, en Barbadás

Alfonso Rueda acudiu a este punto para comprobar as obras de mellora que se fixeron grazas á orde de subvencións para Infraestruturas de Uso Público do pasado ano

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz,o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e o tenente de alcalde de Barbadás, Xosé Manuel Fírvida, visitaron hoxe, 10 de xaneiro, o coñecido como “Parque dos Patos” da Valenzá co obxectivo de comprobar as obras que se realizaron a través da orde de subvencións para Infraestruturas de Uso Público do pasado ano e que permitiron rehabilitar e mellorar o parque dos Patos.

Esta visita coincide coa recente publicación no DOG, o pasado luns, da convocatoria pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións ao abeiro desta orde para o ano 2018, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, pola que o Goberno galego mobilizará para destinar a esta liña de axudas unha partida de máis de 2,3 millóns de euros. A principal novidade respecto á convocatoria pasada reside en que este ano os proxectos aprobados se financiarán con fondos propios da Xunta de Galicia e non serán cofinanciados, como ata agora, polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.

Ao abeiro desta orde de subvencións os concellos poden instalar, ampliar ou mellorar as redes de luz pública; pavimentar vías públicas municipais; ou executar a construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos, edificios e dependencias municipais ou instalacións deportivas de uso público.

Neste caso concreto a Vicepresidencia e o Concello de Barbadás fixeron fronte aos máis de 87.500 euros que custou a intervención, cunha achega da administración autonómica de 40.000 euros. Grazas a este investimento púidose mellorar este espazo e recuperalo para a cidadanía xa que unha gran superficie deste parque estaba desaproveitada e con maleza polo que se convertera en vertedoiro. As obras consistiron na limpeza do terreo, execución de pavimento nas aceiras existentes, instalación de sistema de rego por aspersión e a creación dun xardín vertical.

Artigos relacionados

Back to top button