EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Víctor Cárdenes abre o ciclo de conferencias sobre a minería en Valdeorras

O doutor en Xeoloxía fixo un percorrido pola historia e os tipos de lousa para cubertas

A biblioteca municipal do Barco de Valdeorras acollía na tarde-noite do 17 de novembro a primeira conferencia do ciclo sobre a minería en Valdeorras, que como non podía ser doutro xeito, xirou en torno á lousa.

Para impartila, achegouse ata O Barco o doutor en Xeoloxía Víctor Cárdenes, experto na materia que ten investigado sobre o comportamento deste material co paso do tempo, quen falou sobre diferentes aspectos da lousa para cubertas. Despois de facer un repaso pola historia e evolución da rocha, dende o imperio romano ata a actualidade, Víctor explicou que “non é o mesmo a lousa para cubertas que a lousa”. A primeira é un termo comercial que se refire a unha rocha que se pode exfoliar en láminas finas e regulares e usarse para cubertas. Pola contra, a lousa é unha rocha metafórfica de baixo grao cunhas características concretas. “Non todas as lousas para cubertas son lousas e non todas as lousas serven para cubertas”, asegurou.

Partindo desta definición, Cárdenes explicou os tipos de lousa para cubertas que existen segundo a petrografía (lousa de baixo grao, lousa, filita e mica-esquisto) así como a cor (negra/ gris (azul); verde; e vermella/púrpura), amosando ao público asistente mostras físicas do explicado.

A última parte do relatorio xirou en torno ás cousas que se poden facer con lousa para cubertas: dende o máis coñecido como mesas, lápidas ou relieves, ata obxectos tan curiosos como bixutería (pendentes), táboas para lavar, tocadiscos ou reclamos para pavos, sen esquecer pezas de arte dende a antigüidade ata os nosos días.

A seguinte conferencia do ciclo organizado dende a biblioteca do Barco será o luns 21 de novembro ás 16h. no Teatro Lauro Olmo, cunha actividade dirixida aos alumnos de 4º da ESO a argo do historiador e investigador Isidro García Tato e a presentación dunha exposición de mapas e fotografías cedidas por Aurelio Blanco Trincado, que será o encargado de presentar a mostra ás 20 horas.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button