EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosPizarraÚltima horaVídeos

Víctor Cárdenes: “Valdeorras é o maior xacemento de lousas do mundo, unha zona privilexiada”

Destacábao no Barco na presentación do libro que vén de escribir sobre esta pedra natural "Pizarra para cubiertas. Preguntas y respuestas"

 

Detrás da lousa hai moita historia, moito significado. “É a rocha máis singular que existe, é a única rocha de construción que se pode exfoliar en placas finas, ao resto de rochas pódelas cortar, darlle foma e volume, pero non podes facer o que che permite facer a lousa”. Así o destacaba o xeólogo Víctor Cárdenes Van den Eynde na presentación esta tarde no Barco do libro que vén de adicarlle a esta: “Pizarra para cubiertas. Preguntas y respuestas”.

Neste acto, no que o autor era presentado polo xerente do Clúster da Pizarra de Galicia, Severino González, Cárdenes resaltaba que Valdeorras “é o maior xacemento de lousas do mundo, esta é unha zona privilexiada”. Ademais abordaba o desenvolvemento histórico das concas louseiras ou mineiras, que ten varias etapas: inicio, desenvolvemento, consolidación e unha fase final de esgotamento. Ocasionalmente, podemos ter unha última etapa que é a do desenvolvemento turístico”.

 

 

Cárdenes comezaba lembrando, en alusión a esa etapa inicial, que a primeira civilización que explotaba esta pedra natural era Roma e citaba exemplos como a lousa para cubertas, que atopaba por vez primeira no castro de  Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) o arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer na escavación feita en xullo de 2019. A continuación o xeólogo explicaba cada unha destas etapas e como especificamente se teñen adaptado ao mundo da lousa, non só en Valdeorras senón no resto do mundo. Ao chegar á da consolidación matizaba que esta é na que se atopa actualmente a comarca valdeorresa, mentres que na de desenvolvemento turístico citaba o exemplo de Gales, cuxa minería de lousa ten sido recoñecida como Patrimonio da Humanidade no 2021.

 

 

Tamén comentaba que o motivo o impulsaba a escribir este libro é “dar unha ferramenta ás empresas para poder promocionar mellor o seu produto” e que os piares a partir dos cales lle deu forma foron as preguntas recompiladas ao longo dos anos no sector, “tanto empresarios como arquitectos, colocadores, comerciais, propietarios e distribuidores. Esas son as preguntas que me serviron para deseñar a estrutura básica deste manual”. E agradecía a colaboración dunha serie de persoas que fixeron posible este traballo “e que ensinaron sobre a lousa”.

 

 

Nesta obra Cárdenes aborda a xeoloxía da lousa, a súa historia, proceso produtivo, propiedades construtivas, arquitectura e colocación ou, calidade e normativa, e remata cun apartado de curiosidades.

 

 

Na presentación interviña ademais o alcalde do Barco, Alfredo García, quen aseguraba que este libro “é como unha pequena enciclopedia, na que atopas case todas as respostas a todas as preguntas que se poden plantexar sobre a lousa”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button