SanidadeÚltima hora

Víctor Pariente: “Trasládase á persoa a Ourense, en lugar de trasladar aos profesionais ao Hospital de Valdeorras”

Así o sinalaba o presidente da Xunta de Persoal do HPV na concentración celebrada este xoves en defensa dunha "sanidade digna para o Distrito de Valdeorras"

 

Na falta de especialistas incidíase, un xoves máis, na concentración celebraba ás 12h. en “defensa dunha sanidade digna para o Distrito de Valdeorras”, convocada pola Xunta de Persoal do Hospital Público de Valdeorras. “As obras están ben, a compra de material tamén está ben, pero, ¿de que nos vale se despois non hai quen utilice esas infraestruturas nin ese material? Esa é a situación que vimos reclamando dende o ano 2010. Os responsables de dotar de recursos humanos a este distrito sanitario, que debería ser unha área, están pasando olimpicamente porque se escudan en que os profesionais non queren vir, e esa non é unha resposta para os cidadáns deste distrito”, sinalaba Víctor Pariente, presidente da Xunta de Persoal.

Ademais, Pariente lembraba que o vindeiro “25 de maio rematan os médicos internos residentes (MIR) a súa formación, e non hai ningunha perspectiva de contratar, nin sequera aos 10 médicos que o Sergas dicía. Hai xente que está ingresada en Ourense en lugar de estar aquí porque, como non temos plantilla de medicina interna, non poden estar aquí. ¿Cando pensan recuperar a plantilla de medicina interna, de traumatoloxía, a de cirurxía, a de anestesia, a de hematoloxía, a de radioloxía, de dermatoloxía…?”, preguntábase.

Así mesmo Pariente facía especial fincapé en que agora mesmo no Hospital de Valdeorras “só temos un radiólogo no hospital, o que conleva que o que non se pode facer aquí, mándase a Ourense. E ante isto non se toma ningunha decisión, se traslada á persoa en vez de trasladar aos profesionais, mándanse pacientes a Ourense a facer unha ecografía, unha proba que pode durar entre 10 minutos e media hora, cando se podía facer aquí e cando presumiron de comprar un ecógrafo de última xeración, para facelas. Hai un desentendemento total da sanidade no Distrito Sanitario de Valdeorras”.

Nese senso, o presidente da Xunta de Persoal do HPV engadía que “a nosa responsabilidade é seguir insistindo e seguir estando aquí cada xoves, non nos van a dobregar, sexamos moitos, sexamos poucos, seguiremos reclamando unha sanidade digna para o Distrito de Valdeorras”, concluía Pariente, convocando á veciñanza a participar na concentración do próximo xoves.

Artigos relacionados

Back to top button